SUMAR Galicia inicia na Coruña a súa campaña cara as eleccións europeas

O candidato Juan Díaz Villoslada presentou o programa electoral

A Coruña | Medidas específicas redactadas dende e para Galicia, esas son as claves principais do programa de SUMAR Galicia para as vindeiras eleccións europeas, que terán lugar o domingo 9 de xuño e ás que a formación concorre con Juan Díaz Villoslada como candidato -número dez dentro da lista estatal de SUMAR-.

Hoxe el mesmo presentaba as liñas mestras deste programa, acompañado por Paulo Carlos López, portavoz de SUMAR Galicia, e Rocío Nuñez, coordinadora de programa, nun encontro cos medios.

Entre as medidas presentadas destacan algunhas das reivindicacións habituais da formación para o noso país, como a anticipación dos prazos do Corredor Atlántico, garantindo a conexión A Coruña-Ferrol-Lugo-Monforte e a conexión con Portugal, unha esixencia que esta mesma semana volvía á palestra. “Non é aceptable que Galicia teña que esperar 25 anos máis para ter conexións verdes, eficientes e regulares con Europa”, comenta Villoslada, “levamos demasiado tempo esperando”.

Na mesma liña de facilitar as comunicacións e a vida diaria de galegas e galegos, o programa contempla o rescate urxente da AP9, “cuxa prórroga foi aprobada en minutos de desconto polo goberno do PP, e que lastra constantemente a vida diaria de todos os cidadáns, autónomos e pemes galegas. Este gasto sitúanos en desvantaxe con respecto a outras rexións, e non é algo admisible. É primordial contar con comunicacións verdes competitivas que favorezan o transporte colectivo sostible, e traballar en que as comunicacións tradicionais, como a AP9, que resultan imprescindibles para moitas das nosas empresas, non sexan un feito diferencial con respecto a outros territorios”.

A economía estará, por suposto, no centro do programa. “Unha economía co seu foco posto nas persoas, na realidade da cidadanía. Por iso melloraremos a política pesqueira común e a política agraria da unión europea, poñendo no foco e potenciando a realidade da Galicia pesqueira e agrícola e axudando a reforzar a fornecer ao sector”.

Neste sentido, a reindustrialización de Galicia é unha prioridade fundamental, “pero con sentido común. Reindistrializar si, pero non a calquera prezo. É preciso unha política europea de reindustrialización verde, sostible e de futuro, que non lastre nin deteriore o territorio e que garanta riqueza, postos de traballo e un benestar a longo prazo, por iso reivindicamos o Pacto Verde en Europa”.

A estas medidas, fundamentais no seu programa, SUMAR Galicia engade outras reivindicacións. “Estamos especialmente preocupados pola deriva á ultradereita en Europa, e cremos imprescindible un pacto global que free o fascismo e garanta a liberdade das persoas e a consolidación dos dereitos civís xa acadados”.

“Onte houbo na Coruña unha xuntanza con 23 embaixadores europeos, e nin unha soa palabra sobre o xenocidio en Palestina”, apunta o candidato, “este é un deses asuntos nos que Europa non pode permanecer calada, é imperativo traballar por unha Europa máis forte e máis próspera, pero iso non é posible se esquecemos os nosos principios”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.