SOS Porriño recolleu 1.000 quilos de alimentos e produtos de hixiene

Coa colaboración de centros educativos

O Porriño | O espírito solidario da veciñanza do Porriño segue a evidenciarse cando de atender ás familias que o necesitan se trata. Desta vez, foron os máis pequenos os que aportaron o seu gran de area para axudar a quen está a pasar un mal momento.

20 caixóns repletos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación para bebés se recolleron nos centros educativos e pavillón municipal, atendendo á chamada do banco municipal de alimentos SOS PORRIÑO.

Máis de 1000 kg de alimentos e produtos infantís que o SOS PORRIÑO destinará atender ás 150 familias usuarias do servizo municipal.

O concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, quixo agradecer “a impagable resposta da cidadanía á petición que fixemos dende o banco de alimentos, demostrando unha vez máis que a veciñanza porriñesa está disposta sempre a tender a man e sumar esforzos cando é necesario”.

Dende o Concello estase a traballar para reforzar este servizo municipal. Con tal motivo, nos últimos meses leváronse a cabo obras de mantemento nas instalacións, eliminación de humidades, pintado, etc… “A resposta da cidadanía do Porriño foi extraordinaria, como sempre, e isto é algo que agradecemos enormemente”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo.

“Moitos dos nosos veciños están a pasar situacións complicadas e dende o Concello intentamos poñer en marcha todos os recursos que están ao noso alcance para darlles a atención adecuada, e para iso é indispensable a colaboración da veciñanza”.

Primeiro centro de residencia de maiores
O Concello do Porriño proxecta a construción dun centro residencial para maiores con capacidade para 24 usuarios/as. Un proxecto que foi presentado ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a súa financiación a través dun convenio con cargo a fondos europeos.

“Trátase dun proxecto ambicioso que ascende a 1,2 M de euros, pero que supoñerá un salto cualitativo na atención aos nosos maiores”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Traballamos e seguiremos traballando para conseguir inversións que melloren a calidade de vida da veciñanza do Porriño”.

A residencia ubicaríase na parroquia de Budiño, nunha parcela de titularidade municipal situada na marxe do Polígono Industrial SUR PPI-6 de máis de 4.000 m2.

“O centro residencial que propoñemos evoca a idea dunha gran vivenda na que os inquilinos farían vida familiar, cun porche exterior, un xardín para pasear e un bosque que os separía do polígono industrial e daría intimidade aos residentes” , apuntou Lorenzo, “Trátase de que se sintan integrados no barrio, como un veciño máis”.

As instalacións, de planta baixa, contarían con doce habitacións dobres dotadas de baño propio, salón de perruquería, multiusos, comedor… Como explicou o rexedor, a zona axardinada será parte importante. Todo o necesario para garantir a confortabilidade dos usuarios e usuarias.