
Ourense | Sonia Moral Álvarez presentará o seu novo libro “La tableta de chocolate” o día 22 de agosto ás oito da tarde no centro cultural de Arenteiro, no Concello de Piñor. Estará acompañada por Liziie Quintas, directora de “Meiga y Curuxa Ediciones” e por Xosé Lois Sobrado, historiador do Carballiño.
A anterior presentación realizouse en Soulecín (O Barco de Valdeorras) xa que logo tiña claro que era preciso volver á aldea natal do seu pai para facelo. “Aínda que xa non vive ninguén da familia alí e non temos nada, ao meu pai, recentemente falecido, gustaríalle moito. Imos de cando en vez, e sempre que vou gústame visitar a casa que foi dos meus avós”.
Explica a escritora que o contido do libro é “unha historia da aldea e tamén das súas xentes e incluso dos que pasaron antes por ela. Escribo sobre os oficios como o fiado ou a malla. Busco homenaxear aos traballos perdidos. E sendo de Soulecín conto tamén historias dos guerrilleiros, pero non cun fío histórico con datas, porque eu non son historiadora, senón a través do que me contaron os familiares deses guerrilleiros sobre como o viviran e que sentían. Nun libro de historia os datos son máis fríos, eu conto as cousas desde o que sentiron os seus protagonistas”.
Sonia Moral comenta que se trata dunha biografía novelada “para que sexa máis fácil lela. A novela naceu para manter vivos os recordos de infancia do meu pai, que tiña demencia vascular. Fala do meu pai, pero o certo é que moita xente pode sentirse identificada. Busca ser a historia dos nosos pais e dos nosos avós, coas súas dificultades e alegrías”.
A autora escribe desde fai 18 anos, “pero de profesión eu son masaxista de estética. Neste tempo levo catro libros escritos. O primeiro foi unha recompilación de cantigas que fixen coa miña avoa. Despois escribín unha biografía para unha familia que mo pediu. E despois fixen “Os trillizos de Astureses”. Na foto a autora asinando libros en Soulecín.




