“Son da Estación”, o 7 e 8 de agosto na Rúa de Valdeorras

Turismo de Galicia patrocina os Concertos do Xacobeo 2027

A Rúa | Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan este verán á comarca de Valdeorras coa celebración da terceira edición de O Son da Estación e a primeira de Sons Urbanos, unhas citas que terán lugar os próximos 7 e 8 de agosto na Praza da Estación da Rúa e que reafirma a súa vocación de consolidarse como unhas das propostas musicais de referencia da provincia de Ourense.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación do festival e destacou que “O Son da Estación representa á perfección a aposta dos Concertos do Xacobeo por achegar programación cultural de calidade a todo o territorio galego, facendo da música en directo un motor de dinamización turística, económica e social tamén nas nosas vilas e comarcas”.

Xosé Merelles salientou que a continuidade do festival tras o éxito das súas anteriores edicións confirma “a boa acollida dunha proposta que naceu para enriquecer a oferta cultural de Valdeorras e para contribuír a proxectar A Rúa como un destino atractivo tamén a través da música”. Neste sentido, lembrou que eventos deste tipo “favorecen a chegada de visitantes, dinamizan a actividade da hostalaría, do comercio e dos servizos locais e reforzan o atractivo turístico do interior de Galicia”.

O director de Turismo de Galicia destacou tamén que os Concertos do Xacobeo continúan ampliando a súa presenza na provincia de Ourense, apoiando preto de vinte eventos e festivais que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.