Somos Ribadumia inicia o proceso de elección de candidatura

Recuperou o seu funcionamento asembleario

Ribadumia/Somos Ribadumia | Somos Ribadumia recuperou logo de dous anos de limitacións forzadas pola pandemia o seu funcionamento asembleario presencial cunha xuntanza aberta que tivo lugar en Sisán.

Nesa xuntanza deuse conta do traballo do último ano e medio e presentáronse as contas do partido, tal como se establece estatutariamente. Ademais abriuse a participación á veciñanza, que como sempre estivo moi activa e expuxo varias cuestión sobre as que traballaremos nas próximas semanas, falouse da situación política do Concello e tomáronse decisións de cara o futuro inmediato da nosa formación.

No relativo ao traballo de Somos Ribadumia, salientouse a importante e intensa actividade da nosa formación. En números, só no ano 2021 e nesta primeira metade do 2022 presentáronse 43 escritos ao concello e ante outras administracións -sen incluír as queixas ante a Valedoria do Pobo e o Defensor del Pueblo -, ademais de manter xuntanzas con administracións, entidades e colectivos. Isto, sumado aos case 80 comunicados de prensa, e os boletíns semestrais que mandamos as casas, fan de Somos Ribadumia o referente político do noso concello en todos ámbitos.

“No relativo ao traballo de Somos Ribadumia, salientouse a importante e intensa actividade da nosa formación”

Ademais disto, púxose en valor todo o traballo feito, tanto na parte de controlar do goberno e expoñer os seus desmáns e malas políticas e reclamar as melloras que consideramos necesarias, , como no menos visible que é o traballo en positivo de apoio ao goberno en determinadas cuestións ou de xestións con outras forzas politicas, entidades e administracións.

Tal como o expuxo o propio Oubiña “ Tivemos que pedir a dimisión de Sofía Núñez e de David Castro, porque é inaceptable que se manden de voltas subvencións de centos de miles de euros ou se presione aos traballadores e traballadoras de servizos sociais como se está facendo, nin tampouco se pode aceptar que un alcalde xustifique o uso da violencia.

E non esquezamos que David Castro leva perdidos nesta lexislatura máis de 1M de euros en liñas de axuda e que o estado xeral do concello é de abandono.. Pero do mesmo xeito, cando o goberno propón cousas positivas somos os primeiros en apoialos. Ese traballo mírase nas propostas aprobadas en pleno, moitas das cales levan aportacións da nosa formación que as melloran substancialmente. E cando temos que falar con outra forza política non temos reparos en facelo, e se por algo destacamos é pola nosa capacidade para negociar e poder chegar a acordos con outras forzas políticas en beneficio da nosa veciñanza”.

Outro ámbito a salientar foi o traballo supramunicipal, onde a base de traballo e presión política conseguíuse entre outras cuestións, que se realizaran investimentos pendentes da lexislatura pasada, que se corrixiran problemas de cheiros na EDAR, ou a falta de pedagogo no colexio, ademais de lograr o terceiro médico para o noso centro de saúde. “E isto, feito dende a oposición, coas limitacións que iso supón e sen tan sequera ter o apoio dun alcalde durmido nos loureiros da maioría, demostra que somos un partido de goberno, que traballamos moi duro e que aportamos moito ao noso concello, tal e como nos comprometemos cando creamos este proxecto político”.

Camiño ao 2023
Ao fin, logo de analizar tanto o noso traballo como a situación actual no concello, a Asemblea decidiu por unanimidade que Somos Ribadumia debe presentarse ás próximas eleccións co obxectivo de gobernar e darlle a volta á pésima xestión destes últimos anos. Con esta decisión ponse en marcha o proceso de organización do proxecto electoral e elección de candidato, coa previsión de culminalo este outono coa escolla da persoa que nos represente como cabeza de lista, e do equipo que debe xestionar todo o proceso de actualización do proxecto político.