Somos Ribadumia critica os orzamentos do Concello

Acusa que serán aprobados "sen negociación nin diálogo coa oposición"

Ribadumia/Somos Ribadumia | Esta tarde debaterase en pleno o orzamento para o presente ano. De partida a proposta do goberno chega a pleno sen diálogo coa oposición de ningún tipo, e iso que dende Somos Ribadumia, como cada ano preséntamos a nosa proposta para os orzamentos fai tres meses, con tempo de sobra a poder negociar partidas. Unha vez máis, David Castro nega aquilo do que pretende presumir.

Indo ao documento, este ano o orzamento sube 119.000€ con respecto ao ano pasado, ata os 4.293.795,18 € . Pero se temos en conta que 70.000€ vanse a engordar a partida da Festa do Tinto e outros 70.000 € a unha obra no punto limpo metida con calzador a última hora, resulta que temos un orzamento máis baixo que no ano anterior.

Por partidas, resulta fácil de resumir: fican conxeladas todas as partidas de axudas a colectivos sociais, deportivos e culturais, e de política social. Só se inclúe a maiores unha axuda para o transporte escolar do CRA, coa que se pretende tapar as queixas polo uso de recursos públicos en favorecer a dúas familias usuarias do CRA que cada día teñen un servizo personalizado de transporte. Seguimos sen ampliar os servizos de conciliación nin moito menos dotalos no CRA, como nós levalos propoñendo anos.

Non hai absolutamente ningunha partida de apoio ao comercio e á hostalaría locais. As partidas para plans de apoio a empresas e á contratación, que ano tras ano quedan sen usar por ter unhas bases inapropiadas, volven perder fondos. Un ano máis, o goberno de David Castro deixa as partidas para aparentar que hai algo, pero recórtalle fondos cando o que debe facer é modificar as bases de reparto deses fondos para que as empresas poidan acceder a eles.

“Non hai absolutamente ningunha partida de apoio ao comercio e á hostalaría locais”

Logo de todo o teatro montado por David Castro co suposto proxecto que pretende levar a cabo na contorna co CPI e o campo de A Bouza, e de estragar a oportunidade de acceder a máis de medio millón de euros para esa zona, resulta que o orzamento non recolle fondos para facer fronte a ese proxecto.

En obras, de feito, os únicos investimentos que aparecen, son un lote de partidas pequenas para algúns saneamentos, ancheamentos de pistas e asfaltados. Obras que entran dentro do básico en calquera concello. Unha vez máis topamos que David Castro non ten proxecto para Ribadumia, de ningún tipo.

E outro ano máis dispáranse as partidas para parques e xardíns. O ano pasado subiron dos 5000€ aos 30.000€. E para este ano dispóñense 65.000€, atados á consecución dunhas subvencións, co cal os investimentos poderían ficar sen levarse a cabo. A estes hai que sumarlle 26.000€ en maquinaria. Máis de 90.000 € para os parques e zonas verdes, que non sabemos en que se van gastar, máis aló dun banco de pedra de 6.000€. E se os parques estiveran en boas condicións, igual poderiamos valorado en positivo, pero é que os parques e as zonas verdes levan anos nun estado moito máis que mellorable, ata o punto que non sabemos en que se meten os fondos.

No seu conxunto, os orzamentos teñen que interpretarse como o abandono antes se tempo polos Independientes do Concello. Desístese de abrir a coñecida como rúa do Día, de dotar prazas de aparcadoiro ao centro de Barrantes, de mellora das zonas públicas no rural, de feito desístese de calquera mellora en calquera área, e unicamente se destinan fondos a dar unha capa se maquillaxe as zonas públicas de cara ás eleccións. Está claro que a David Castro a lexislatura estáselle facendo longa, e xa só lle queda o recurso de ir aos plenos a dar mitins e a sinalar co dedo á Enrique Oubiña e a Somos Ribadumia, ao resto de forzas da oposición, e agora tamén a Deputación.

Por último, non podemos aceptar un orzamento que expoña claramente partidas falsas, como as que neste caso se inclúen para o mantemento do centro se saúde, onde o Concello leva catro anos sen tres competencias. E o ano pasado podía pasar por un erro, pero ese ano é evidente que se inclúen a propósito, e ademais auméntandoas, seguramente co obxectivo de destinar eses fondos a outras cuestións que o alcalde oculta.

Sen diálogo, metendo pola vía da imposición uns orzamentos que non só non fan avanzar ao noso concello, se non que o fan retroceder, e falseando o documento. Obviamente non podemos votar a favor, polo que nos oporemos á aprobación destes orzamento, pero farémolo propoñéndolle antes ao goberno que se retiren da orde do día e se sometan a un proceso de diálogo que permita, cando menos realizar algunha corrección.