“Sensibilidades da miña vida” de José Brea Colmeiro na Casa de Galicia

NDEA_ Brea Colmeiro ante o seu cadro ´Catedral de Salamanca´

Madrid | Composta por pinturas, debuxos e esculturas, ocupa as tres salas de exposicións da Casa

O artista e catedrático de Debuxo pontevedrés José Brea Colmeiro inaugurou  na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a mostra antolóxica “Sensibilidades da miña vida” que reúne pintura, debuxos e esculturas de distintas temáticas e épocas da longa traxectoria profesional de Brea Colmeiro nas tres salas de exposicións da Casa. Pode verse ata o próximo 31 de marzo.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o artista foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou a súa longa traxectoria profesional e referiuse á selección de obras expostas na ampla retrospectiva que ofrece a exposición.

Nela poden contemplarse obras que datan desde os primeiros anos da década dos sesenta, como “En clase de Antonio López”, do que Brea Colmeiro foi alumno na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, e do que recibiu a única Matrícula de Honra que concedía, ou “Modelo de Julio Romero de Torres”, un retrato de Natalia Castro, cuxa imaxe podía verse no trasluz dos billetes de cen pesetas, décadas despois de que pousase para o pintor cordobés, ata “Catedral de Salamanca”, un óleo de gran formato da primeira década do actual século, e outras máis recentes. Tamén bustos dos seus familiares e un do escritor Torrente Ballester que habitualmente está no instituto salmantino de Santa María de Tormes que leva o seu nome e no que Brea Colmeiro impartiu clases como catedrático de Debuxo.

Brea Colmeiro di non ser homoxéneo na súa obra porque nunca pintou para vender e si respondendo á súa sensibilidade no momento e cos materiais ao seu alcance. “Eu dediqueime case toda a miña vida ao ensino e agora é cando me dedico integramente á pintura e a escultura”, explicou Brea Colmeiro, quen a pesar do cal non deixou de expoñer ao longo de toda a súa carreira.

O catedrático de Musicología da Universidade de Salamanca, José M. García Laborda, prologuista do catálogo da exposición, valora que “a poética de Pepe Brea utiliza recursos propios dun realismo figurativo sinxelo e elocuente, tido ás veces dun gran candor máxico, próximo ás experiencias vividas xunto ao seu mestre e amigo Antonio López”.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!