“Semente de Igualdade” este 8M na Guarda

Cunha ampla programación de actividades para visibilizar o Día Internacional da Muller

A Guarda | O Concello da Guarda aposta durante todo o ano pola Promoción da Igualdade entre mulleres e homes en todas as esferas da vida e pola visibilización da muller ao longo da historia, por esa razón, se busca darlle continuidade ao programa  “Semente de Igualdade”, unha campaña na que se inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con actuacións musicais, obradoiros  e contos para crianzas, entre outras.

As actividades arrancan o día 8 de marzo ás 12:30 h na Praza do Reló, onde terá lugar unha concentración e lectura de manifestos acompañados dunha actuación musical a cargo da artista A Riso e a guitarrista Maite González.

A fachada da Casa do Concello será iluminada de cor morada e colocarase unha pancarta conmemorativa polo Día Internacional da Muller. O domingo día 12 de marzo ás 17:30h a praza de Avelino Vicente,  acolle “Elas contan moito”, unha divertida sesión de contos con música, na que a partir de varios álbums ilustrados se reflexiona sobre a igualdade entre nenas e nenos, a perspectiva de xénero e os estereotipos sexistas.

Rosa Caramelo, O libro dos porcos ou Daniela Pirata son algúns dos títulos que se contarán nesta sesión de contos con música para gozar en familia, cunha duración aproximada duns 50 minutos e para público público familiar a partir dos 3 anos a cargo da contadora Bea Campos e o músico Manuel Pombal de Migallas Teatro.

Durante o mes de marzo se levarán a cabo obradoiros sobre prevención de violencias machistas, baixo o título Lentes Violetas, dirixidos ao alumnado de 5º de Primaria dos centros educativos da Guarda.

Estas dúas actividades dirixidas á poboación máis nova, son o eixo principal  do programa “ Semente de Igualdade”, porque a Promoción da Igualdade e a prevención de comportamentos machistas en idades temperás, son a chave para conseguir rachar coa Violencia Machista na nosa sociedade.

Para a xornada do xoves día 13  de abril, ás 20:30h na Casa dos Alonso está prevista a presentación do libro Todo chega desde o Mar, de Santiago Ferragud (escritor e músico). O autor estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de Debuxo e responsable do Departamento de Igualdade do IES A Sangriña. Continuando coas actividades propostas, e dado o éxito obtido na 1ª edición de Historias de Mulleres Guardesas, este ano  durante o mes de maio vaise levar a cabo a 2ª edición, coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas.

Realizaranse un total de dúas actividades, un roteiro, que terá lugar o venres, 5 de maio ás 20:30 h con saída dende a Praza do Reló e unha andaina, o domingo 7 de maio ás 10:30 h, con saída dende a Alameda da Guarda. É preciso inscrición previa no Departamento de Turismo do Concello da Guarda, a través do teléfono 986614546ou no enderezo turismo@aguarda.es. As actividades programadas están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra e polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.