Seis novas rutas para o programa ‘Coñece Ponteareas’

Co obxectivo de pór en valor o patrimonio da vila
Castro de Troña

Ponteareas | O programa ‘Coñece Ponteareas’ volve este verán con seis novas visitas guiadas abertas a todo o público coas que se busca poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural da vila. Postas en marcha polo departamento de Turismo del Concello de Ponteareas, dependente da Concellaría de Promoción económica, as primeiras cita serán os vindeiros venres 22 e domingo 24 de xullo.

A primeira visita guiada da tempada será ao Castro de Troña o día 22 ás 19.00 horas cun percorrido que “trata de poñer en valor e achegar á veciñanza a este xacemento arqueolóxico, un dos castros máis importantes e mellor conservados de Galicia”.
Xa o día 24, as persoas interesadas poderán facer un percorrido por Ponteareas cunha ruta de ponte a ponte polo río Tea, saíndo da ponte dos Remedios ás 10.00 horas e rematando na ponte das Partidas.

As actividades, serán de balde e terán prazas limitadas, polo que é necesaria a reserva previa de praza. As persoas interesadas poden inscribirse xa para participar en calquera destas dúas visitas na Oficina de Turismo, enviando un correo a turismo@ponteareas.gal ou chamando ao 637 724 301.

Ponte do río Tea.

Ao longo dos meses de xullo e agosto programaranse novas visitas guiadas coas que coñecer Ponteareas cunha ruta polo río Uma o 31 de xullo, un novo percorrido polo Castro de Troña o 7 de agosto, outra ruta polo río Tea o 14 de agosto ou un paseo seguindo os pasos dos mestres Cerviño no cemiterio municipal o 20 de agosto ou polo centro urbano o 28 de agosto.

Por outra banda, para achegar aos cativos e cativas ao patrimonio inmaterial de Ponteareas a Concellaría de Promoción económica colaborará coa Concellaría de Ensino para que os rapaces e rapazas que participen no Campus Tea poidan visitar o Museo do Corpus a Ceo Aberto os días 15 e 29 de xullo e 5, 12, 19 e 26 de agosto.

O obxectivo é que nenos e nenas coñezan de primeira man a historia desta cita tan importante da vila ao tempo que se achegan a ferramentas tecnolóxicas que permiten gozar do Corpus a veciñanza e visitantes durante todo o ano.