Seis novas prazas públicas no Centro de Día de ACEESCA no Porriño

Impulsados pola Xunta de Galicia
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (ACEESCA) acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo.

O Porriño | A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (ACEESCA) acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo e o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernándo González Abeijón.

Fabiola García anunciou durante a visita que a Xunta impulsou a creación de seis novas prazas públicas de atención no centro de día e con este incremento o total ascende a 36, que se suman a outras 37 prazas públicas no centro ocupacional. En total, o Goberno galego financia un total de 73 prazas nos centros de Aceesca no Porriño.

As persoas usuarias colaboran na xestión do punto limpo da localidade, coidan do seu invernadorio de plantas de temporada ou participan en labores de limpeza e xardinería. A conselleira destacou que Aceesca permite que as veciñas e vecinos do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión.

Ademais do financiamento destas prazas, a Xunta colabora con esta asociación a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para a mellora e adecuación das súas instalación. Na última convocatoria, esta entidade percibiu 52.000 euros. Deste xeito o Goberno galego destina anualmente a Aceesca 800.000 euros para facilitar a súa labor.

Pola súa banda, o rexedor Alejandro Lorenzo reiterou o seu total respaldo a Aceesca e o apoio total do Goberno Municipal á importante labor social que desenvolven. “Unha das prioridades na liñas de goberno que nos marcamos é o benestar social e neste eido o labor de Aceesca é indispensable”, salientou Lorenzo, que agradeceu tamén á titular de Política Social a súa disposición a seguir colaborando con Aceesca e co Concello para que se poida dar un apoio integral ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

O alcalde explicou que, tal e como comprometera no día da súa investidura, xa se está xestionando un novo convenio con Aceesca que permita impulsar a súa actividade.

Novos proxectos
A directiva de Aceesca aproveitou a visita para dar a coñecer os proxectos que teñen en marcha. Estes baséanse en dúas liñas principais: o emprego e o proxecto residencial que persigue, non só garantizar unha vida independente ás persoas con discapacidade intelectual, senón tamén promover a revitalización e recuperación da parroquia de Torneiros.

Tal e como explicou Dolores Muñíz, membro da Xunta directiva “temos unha aposta firme polo emprego, que se materializa no centro especial de emprego que se está construir no polígono industrial, centrado na formación dual e tamén pola vida independente das persoas con discapacidade”.

“Temos as ideas e os proxectos pero precisamos a axuda das administracións para poder levalos a cabo”, concluíu Muñíz,

“O centro residencial que proxectamos permitiría que as persoas con discapacidade intelectual puideran independizarse e vivir en comunidade cos apoios que precisan, e que, como calquera outra persoa, poidan chegar a onde queiran chegar na súa vida”.

Outros artigos