Sanción de 80.000€ ao Concello de Ponteareas pola demolición da escola infantil

Así informaron o BNG, PSOE e PeC polo incumprimento dos fondos europeos cos que fora rehabilitado o edificio

Ponteareas | O Concello de Ponteareas deberá facer fronte a unha sanción de 80.000 euros como consecuencia da demolición da escola infantil. Así o informaron os grupos da oposición, BNG, PSOE e PeC, que xa advertiran do posible incumprimento das condicións de durabilidade das obras de mellora da eficiencia enerxética executadas no edificio e financiadas con fondos europeos.

No anterior mandato, o Concello destinara máis de 100.000 euros á rehabilitación enerxética da escola infantil, dos cales o 80% correspondían a financiamento europeo FEDER. Porén, o goberno de Nava Castro decidiu demoler o inmoble antes de que transcorrese o período mínimo de conservación esixido pola normativa europea.

“Advertiramos que a demolición inxustificada e caprichosa impulsada polo goberno municipal de Nava Castro podía ter graves consecuencias económicas para o Concello de Ponteareas, ao poñer en risco a continuidade dunha actuación financiada con fondos europeos, e agora confírmase o que denunciamos”, sinalan BNG, PSOE e PeC.

As tres formacións lembran que o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 establece que as actuacións financiadas con fondos europeos deben manterse durante un mínimo de cinco anos desde o momento do pago final da axuda ao beneficiario. Segundo a documentación da operación, o peche administrativo da actuación produciuse en decembro de 2023, polo que a demolición do edificio se produciu antes de que rematase o período de durabilidade da actuación.

“Estamos ante un exemplo evidente da irresponsabilidade na xestión dos fondos públicos”, denuncian BNG, PSOE e PeC. Consideran especialmente grave que unha actuación financiada con fondos públicos europeos para mellorar un edificio municipal remate coa desaparición física do inmoble apenas uns anos despois das obras e cun importante impacto económico para as arcas municipais.

“Primeiro gastaron diñeiro público en demoler un edificio no que acababan de investirse máis de 100.000 euros. Agora o Concello ten que asumir as consecuencias económicas dunha decisión política que xa advertimos que podía saír moi cara”, conclúen.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.