As Neves | As directivas das Comunidades de Montes de Vilacoba, San Pedro de Batalláns, Taboexa, Rubiós, San Xosé e Santiago de Ribarteme afectadas polo proxecto de parque eólico no monte de San Nomedio reuníronse esta semana para amosar a súa total oposición. Nas últimas semanas algunhas comunidades e tamén propietarios particulares da zona foron contactados telefonicamente ou tamén nunha visita aos barrios. Unha empresa de servizos topográficos pedíulles a actualización dos datos da propiedade de certos terreos, o que tería que ver co posible impulso do parque eólico nomeado “Coto dos Lobos” no monte San Nomedio.
Na reunión avaliouse a nova situación sobre un proxecto que saíu a luz en 2021 cando os concellos recibiron consulta sobre o documento ambiental de inicio. Neste período de consultas as comunidades e o Concello das Neves presentaron alegacións en contra do proxecto que implicaría instalar 7 aeroxeradores de 220 metros de altura na contorna do monte San Nomedio tendo a poboación máis cercana a só 504 metros, cos seus enormes viais de acceso, liñas eléctricas de enterconexión, etc, afectando así o medio natural, patrimonial, turístico, hídrico, paisaxístico e cultural.