Salvaterra terá videochamada cos Reis Magos

Para manter o espírito do Nadal respectando os protocolos COVID
Video chamada cos Reis Magos en Salvaterra.

Salvaterra de Miño | Un ano máis, debido á evolución do Covid 19 no noso Concello, non poderemos ver ás Súas Maxestades pasear polas nosas rúas.

Dende O Concello queremos que a maxia do Nadal non se perda e que a ilusión siga vivindo na/os máis pequena/os, polo que os reis chegarán ás casas de todo aquel neno ou nena de Salvaterra que o solicite a través de videochamada.

Para que as Súas Maxestades vos fagan unha videochamada tan só teredes que chamar do día 14 de decembro ao 2 de xaneiro no horario de 7:30 h. – 13:30 h., ao teléfono 604072771 e daranvos as indicacións para rexistrarvos e solicitar a vosa cita cos Reis.

Conxeladas taxas e impostos municipais
Por outra banda, o Grupo de Goberno de Salvaterra de Miño anunciou a conxelación de todas as taxas municipais para o próximo ano 2022, unha medida que busca reducir a presión económica da/os veciña/os e comerciantes.

O obxectivo desta acción é conter a presión fiscal durante esta pandemia sanitaria, igual que se fixo o ano pasado,  e as posibles consecuencias económicas que se empezan a dirimir dela e da inflación que están soportando os nosos veciños e veciñas.

Impostos como rodaxe de vehículos, saneamento, auga e vados de aparcamento manterán o seu importe un ano máis para reducir a presión económica sobre os contribuíntes, especialmente importante nesta situación de crisis.

Ademais dende o Concello destacan o gran esforzo que se fai coa  rebaixa fiscal que se aplicará a partir do ano 2022 tanto no imposto de rodaxe de vehículos cunha bonificación do 50% aos vehículos eficientes, o desconto do 30 por cento da cota íntegra do Imposto sobre Bens Inmobles nos que se instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e outro 30 por cento de desconto na cota correspondente para os suxeitos pasivos que tributen por cota municipal e que utilicen ou produzan enerxía a partir de instalacións para o aproveitamento de enerxías renovables ou sistemas de coxelación no Imposto de Actividades Económicas, medidas adoptadas  dentro do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible aprobado polo Concello neste ano.

A pesares de que a recadación é fundamental para que un concello leve a cabo programas e inversións, neste momento o grupo de goberno cree que a prioridade é non agravar máis a situación dos seus veciños e comerciantes nun momento no que estamos vendo como a súa capacidade económica se ve disminuída en gran medida ao incremento do prezo de servicios básicos como pode ser a luz, gas,  o combustible, a cesta da compra…  e por iso segue mantendo os descontos no Imposto de Construcións para aquelas empresas que xeren novos postos de traballo no municipio.