Salvaterra prepárase para o inicio do curso escolar 2021-2022

Con obras de mantemento, limpeza e desinfección dos centros educativos

Salvaterra de Miño | Despois dun verán onde se realizaron as  obras de mantemento dos centros Educativos, nestes días estamos dándolle os últimos retoques, estamos coas últimas limpezas para que estea todo a punto para o inicio do curso escolar.

Durante a época de vacacións véñense realizando diversas obras de mantemento nos diferentes centros educativos. Por un lado no Cra A Lagoa leváronse a cabo obras de mantemento conxuntamente cos profesores e país e nais das diferentes unitarias co fin de darlle un lavado de cara as escolas das parroquias.

Ao mesmo tempo traballamos con diversas cuadrillas na adecuación de aulas, pintado, arranxos varios, revisións de caldeiras, electricidade, fontanería, desratizacións e desbroces dos patios  no CEIP Infante Felipe, CEP Carlos Casares e CEIP Leirado.

As obras de mantemento dos centros educativos avanzan de cara ao vindeiro curso escolar.

Ademais seguirase o mesmo protocolo de desinfección nos centros, xa consensuado o ano pasado, co fin de garantir ao máximo as desinfeccións e protocolos COVID marcados por Educación.