
Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño avanza decididamente na súa folla de ruta cara a un municipio máis habitable, verde e sostible. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou de forma definitiva o cofinanciamento das obras de humanización, recuperación e mellora da contorna da capela de San Roque, na parroquia de Leirado.
Esta nova inxección económica, que ascende a preto de 200.000 euros, vén complementar os 590.000 euros xa asignados previamente a través do Plan Extra, blindando o desenvolvemento integral dunha das actuacións patrimoniais e veciñais máis relevantes do termo municipal.
O proxecto da capela de San Roque de Leirado busca priorizar a mobilidade peonil, dignificar o patrimonio arquitectónico e xerar espazos públicos accesibles para a convivencia da cidadanía. Esta intervención segue a liña das últimas grandes humanizacións executadas polo Concello de Salvaterra de Miño, entre as que destaca a transformación da rúa Forca e do entorno da Capela de San Roque en Cabreira, un eixe clave que viu renovados os seus servizos esenciais, pavimentos e mobiliario baixo criterios de plataforma única e accesibilidade universal.
Esta transformación en superficie está intimamente ligada á estratexia soterrada e de xestión enerxética do Concello. Durante os últimos catro anos, o goberno local despregou un ambicioso investimento en materia de eficiencia enerxética, optimizando as infraestruturas de alumbrado e climatización.
Con estas actuacións, o Concello de Salvaterra de Miño ratifica de xeito práctico o cumprimento dos compromisos adquiridos no seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), cuxo segundo informe de seguimento e control foi validado recentemente polo pleno municipal.
Rehabilitación do lavadouro de Fontoura
O Concello aprobou en Xunta de Goberno o proxecto de mellora e acondicionamento do lavadoiro de Fontoura. A actuación contará cun orzamento total de 34.071,02 euros, que se financiarán integramente a través da liña de investimentos do Plan +Provincia 2026.

Cunha firme aposta pola conservación da identidade local, esta intervención dá continuidade á serie de obras de consolidación e posta en valor do patrimonio municipal que o Goberno local vén desenvolvendo de forma sostida no tempo. Neste caso, os traballos centraranse tanto na estrutura da cuberta como en todo o espazo público que rodea o histórico lavadoiro. Na actualidade, a instalación presenta un evidente deterioro superficial debido á acción prolongada da humidade e á continua exposición á intemperie. Os bordos atópanse danados e a laxa superior de formigón amosa un desgaste notable que comprometía a integridade visual e estrutural do conxunto. Para solucionar estas patoloxías, o proxecto contempla traballos de corrección de xeometrías e a substitución integral da actual cuberta. As obras executaranse respectando escrupulosamente os valores arquitectónicos orixinais do elemento para garantir a súa correcta integración coa paisaxe. Entre as principais accións destacan a demolición e retirada da antiga estrutura de formigón, a colocación de columnas de pedra de soporte, e a instalación dun novo tellado de madeira con tella cerámica plana tradicional.
Así mesmo, os operarios procederán ao picado de xuntas, o posterior rexuntado e o selado do propio lavadoiro. O proxecto completarase cunha limpeza xeral minuciosa de toda a instalación e das súas zonas anexas, á par que se instalará unha nova varanda de protección perimetral para garantir a total seguridade dos veciños e usuarios.




