Salvaterra, As Neves e Salceda arrancan a III edición do Programa Xuntas

Con diversas actividades como saúde, empoderamento e asesoramento

Salvaterra de Miño | Arranca a terceira edición do Programa Xuntas dirixido ás mulleres de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves con 200 horas de actividades, formación e asesoramento especializado e individualizado para todas as participantes.

O Programa execútase mediante o sistema de xestión compartida no que haberá unha Escola de Benestar e Saúde na que se traballará a saúde mental e física, o benestar a través de ioga, pilates, mindfullnes ou alimentación saudable.

O Servizo de Asesoramento Xurídico, Psicolóxico e Laboral será gratuíto, presencial e a demanda, aínda que se establecerán unhas horas fixas todos os martes en horario de mañá nos tres concellos.

As accións de empoderamento pivotarán en cafés debate coas participantes sobre as mulleres na historia, o cine, a música e as artes. Tamén se abordará o papel das mulleres no deporte, accións para falar en público, deseñar plans de aforro, usar as redes sociais e, por suposto, para abordar situacións de violencia de xénero. Completan o Programa Xuntas os obradoiros de emprego, intervencións creativas a través do teatro e sensibilización sobre o impacto de xénero no cambio climático e na sostenibilidade.

No Programa Xuntas traballarán 9 profesionais e prevese unha participación de 70 mulleres. A actuación é un exemplo de colaboración e cooperación local para ampliar servizos que cristalizan no reforzo das políticas públicas de igualdade e de prevención da violencia de xénero, optimizando os servizos dos tres Concellos e mellorando a atención ás usuarias.

Ademais de material de difusión do Programa a través de cartaces, dípticos e RRSS municipais, está habilitado un teléfono/WhatsApp para atender a todas as persoas que queiran informarse e participar, o 685211882, ademais de que as persoas interesadas poden dirixirse ás Concellarías de Igualdade dos tres Concellos. Todas as actividades e asesoramentos serán de balde e desenvolveranse equitativamente nos tres Concellos.

As e os responsables municipais quixeron sinalar que “conseguimos consolidar e ser referencia en políticas de igualdade a través do traballo conxunto que trae resultados moi positivos para as mulleres de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves”.

Campus de Conciliación de Verán
O Concello de Salvaterra deu inicio aos trámites de inscrición do Campus de Conciliación de Verán, actividade dirixida ós nenos e nenas nados entre o 2012 e o 2020 que se realizará no CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón durante os meses de xullo e agosto.

O Concello pon a disposición dos seus veciños máis de 200 prazas en catro quendas, nos meses de xullo e agosto. Ademais haberá a posibilidade de ampliar horario para as familias que así o precisen, coa aula matinal dende as 7:30h e servizo de comedor ata as 16:00h.
Esta actividade require inscrición previa, terase en conta a orde de entrada por rexistro e terán prioridade aquelas familias que os pais e nais traballen nese horario e tamén as familias monoparentais.

As bases e inscrición poderá recollerse no Concello, no departamento de Cultura ou descargarse a través da web concellodesalvaterra.com. O prazo de inscrición será do 21 ao 28 de maio e poderase facer dende a sede electrónica ou de xeito presencial en horario de 09:00 a 14:00 horas. Máis información no teléfono 986 658 082 ou na web do concello.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.