Salceda presenta a súa programación de Nadal

Con máis de 20 actividades para todos os públicos
Representantes da Corporación Municipal posaron para a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas.

Salceda de Caselas | A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, e que contará con máis de 20 actividades coordinadas pola Concellería de Cultura que dirixe Alex Rodríguez Canosa, orientadas a todos os públicos mais principalmente ao público infantil.

A decidida aposta por unha programación de calidade nos últimos anos fixo que o Nadal de Salceda sexa xa un referente na contorna. Así, o prato forte será a terceira edición do festival Pequeno Circo de Nadal, que conta coa dirección artística de Nelson Quinteiro.

Este ano, o festival desenvolverase en catro xornadas, do 27 ao 30 de decembro, e contará con novidades respecto ás edicións pasadas. Por unha banda, apóstase pola diversificación, incluíndo actividades en horario de mañá e tarde. Por outra banda, este ano o grande protagonismo correrá a cargo de propostas en feminino, como o espectáculo de Lydia Botana ou os contacontos de Érica González, armadanzas dos Contos do Titiribaile.

Coas habituais medidas anti COVID19, pero sen perder un ápice de toda a maxia, a cor, a ilusión e a enerxía que caracteriza estas datas, e que fai, por uns días, que os habitantes máis baixiños de Salceda sexan os auténticos e auténticas protagonistas.

Logo dun ano no que se tiveron que cancelar citas ineludibles do calendario, este ano voltan con forza varias das actividades que caracterizan o Nadal de Salceda. Deste xeito, a Banda Cultural de Salceda voltará a deleitar ao público co seu concerto de Nadal, e a San Silvestre Solidaria cumprirá a súa décima edición percorrendo as rúas do centro da vila chea de cor e ledicia.

“Este ano voltan con forza varias das actividades que caracterizan o Nadal de Salceda”

Outra das citas que volven será o III Encontro de Ranchos Tradicionais, que xuntará na Praza do Concello a cinco agrupacións tradicionais, resaltando a importancia que ten para Salceda a recuperación destes elementos do noso patrimonio inmaterial.

Tamén o comercio local participa nestas datas coa participación no concurso de escaparates organizado dende o Concello, e que se desenvolve do 15 ao 31 de decembro, e coas Badaladas de Noitevella, organizadas por Acisa e polo propio Concello, e que contarán con actuacións musicais e as típicas uvas da sorte, nun acto presentado pola peña Jolgorrio.

A programación complétase tamén cun Obradoiro de Casas de Xenxibre, que fará as delicias dos máis pequenos e pequenas, e con dúas citas do motor; a papanoelada moteira e a Concentración de Vehículos Clásicos Franceses.

O Concelleiro de Cultura quixo tamén mencionar o alumeado de Nadal, deseñado en conxunto coa Asociación de Comerciantes, que enche as rúas de Salceda cun deseño elegante e sobrio, de cores cálidas, e que un ano máis, foi instalado por unha empresa local.

Antes de rematar tampouco se quixo esquecer de agradecer a todos os colectivos que fan que o Nadal de Salceda sexa tan especial. Sen esquecerse dos empregados e técnicos municipais e da Policía Local e os voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

Alex Rodríguez Canosa, Concelleiro de Cultura: “O Nadal é xa un referente en Salceda e dende o Concello continuamos apostando por unha cultura segura, nunha programación moi ambiciosa para un concello do noso tamaño. Este ano ademais estamos moi contentos de recuperar actividades que se tiveron que cancelar pola pandemia, e que fan que son unha mostra do dinamismo do noso concello”.

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Queremos devolver a ilusión do Nadal ás nosas prazas e rúas, cunha programación da que poidan desfrutar todos os públicos, coa peculiaridade de que os eventos realizaranse en espazos abertos debido a situación actual. Este é un bo momento para achegarse e gozar de Salceda ”

PROGRAMACIÓN NADAL 2021/2022

Sábado 18 de decembro
18.00 Audición da Escola de Música de Salceda.
19.30 Badaladas Pre Noitevella.

Domingo 19 de decembro
16.00 Papanoelada Moteira
19.00 Concerto de Nadal, Banda Cultural de Salceda.

Mércores 22 de decembro
13.00 Visita do Apalpador
16.00 Obradoiro de Casiñas de Xenxibre.

Xoves 23 de decembro
16.00 Obradoiro de Casiñas de Xenxibre

Domingo 26 de decembro
15.00 Concentración de Vehículos Clásicos Franceses.
16.00 III Encontro de Ranchos Tradicionais
Canto de Reis do Serán
Ranchiño de Reis da AC A Feira
Rancho de Reis das Cortellas, Ponteareas
Rancho da Asociación Casco Vello de Vigo
Rancho de Entroido da AC A Feira

Luns 27 de decembro
Pequeno Circo de Nadal 2021
11:30 h Obradoiro de movemento, ximnasia de Nadal e flashmob de Nadal cos Trasnos de Nadal e OneTake Films.
13:00 h Espectáculo de rúa. A CAIXIÑA DOS TRASNOS DE NADAL
18:00 h Tardes de Nadal. LYDIA BOTANA. DE AQUÍ PARA ALÁ

Martes 28 de decembro
Pequeno Circo de Nadal
11:00 h Obradoiro de canto e panxoliñas cos Trasnos de Nadal. Actividade con distancia física e aforo aberto por orde de chegada sen necesidade de inscripción.
12:30 h Almorzos con contos. ÉRICA GONZÁLEZ. OS CONTOS DO TITIRIBAILE
18:00 h Tardes de Nadal. Moc Moc Espectáculos. O AXUDANTE DE PAPÁ NOEL

Mércores 29 de decembro
Pequeno Circo de Nadal
18.00. OS TRASNOS DE NADAL. Espectáculo de Nadal

Xoves 30 de decembro
Pequeno Circo de Nadal
12.30. BARULLO. Espectáculo musical infantil.
18.00. Sesión de flocos de Nadal, coa proxección de clásicos de Nadal, e o filme LAST CHRISTMAS

Xoves 30 de decembro
21.30 X San Silvestre Solidaria.

Domingo 2 de Xaneiro
Tren de Nadal

Mércores 5 de Xaneiro
17.00 Cabalgata de Reis
ADEMAIS
III Concurso de escaparates de Nadal. Do 15 ao 31 de decembro.

Outros artigos