Rubén Cela demándalle ao alcalde unha explicación da suspensión do proceso de contratación dos traballos de prevención de incendios

“Non lles quedou máis remedio que dar marcha atrás, pero a intencionalidade foi evidente e co agravante de non ser a primeira vez que isto acontecía e coas mesmas empresas”
Santiago de Compostela/BNG | O grupo municipal do BNG demanda “unha explicación clara, concisa e convincente, por parte do alcalde ou do concelleiro de Medio Rural, ao conxunto da veciñanza de Santiago do acontecido para ter que suspender o procedemento de contratación dos traballos de prevención de incendios forestais e as consecuencias políticas e xurídicas puidera ter”.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, a semana pasada o grupo municipal do BNG anunciou publicamente as sospeitas de que o grupo de Goberno estaba a incorrer en posíbeis irregularidades no proceso de contratación dunhas obras de desbroce forestal. “Hoxe sabemos que as nosas sospeitas eran certezas, até o punto que, posteriormente á nosa advertencia pública, a Xunta de Goberno, tivo que cancelar o procedemento á vista dos informes técnicos que apuntaban a que se podían comprometer os principios xerais de contratación”, dixo.
“Evidentemente, un proceso de contratación non se cancela e se volve a comezar se non existise nada raro”, engadiu, “e o Goberno local do PP puido incorrer nesa vulneración dos principios xerais de contratación administrativa para favorecer unha determinada empresa”. Esa vulneración detectouse por parte dos servizos técnicos que apuntaron que dúas das tres empresas ás que se lle pedían ofertas eran pai e fillo e que “esta circunstancia podería comprometer os principios xerais da contratación administrativa: liberdade de acceso ás licitacións, transparencia dos procedementos e non discriminación e igualdade de trato entre candidaturas e boa administración”, segundo consta no informe.
Mesmos sobres, mesmo formato e mesmo contido do texto
Á vista deses informes, o concelleiro de Medio Rural decidiu retirar esas dúas empresas e convidar outras dúas novas. Neste segundo proceso, os servizos técnicos volven advertir de posíbeis irregularidades sinalando incluso que “os sobres das catro empresas son aparentemente iguais tanto na marca e tamaño do sobre, como no formato e contido do texto”.
“Ante tantas evidencias e a denuncia pública do BNG, ao Goberno municipal do PP non lle quedou máis remedio na última xunta de goberno que retirar todo e abrir un novo procedemento”, afirmou Rubén Cela. “Non lles quedou máis remedio que dar marcha atrás, pero a intencionalidade foi evidente e co agravante de non ser a primeira vez que isto acontecía e coas mesmas empresas, pois o pasado mes de novembro foron tamén convidadas para un proceso idéntico”, engadiu.
Mesmo a concelleira do PP María Castelao recoñeceu en rolda de prensa que se rexeitaron as ofertas presentadas, “ao considerar os técnicos que non estaba garantida a libre concorrencia nin que o Concello obtivese a mellor proposta económica xa que as ofertas non garantían que as empresas ofrecesen o prezo máis baixo”.
Para Rubén Cela, “a mala actuación do PP tradúcese en prexuízos para todos os veciños e veciñas, porque a mediados do mes de agosto non se efectuaron os labores de desbroce previstos, imprescindíbeis para a prevención de lumes forestais que terían que estar rematados antes do 1 de setembro en base ao convenio asinado con Xunta de Galicia, mais sabemos que algúns traballos de desbroce se realizaron en xullo e agardamos que non os fixera casualmente a mesma empresa á que se lle quería adxudicar o contrato”, engadiu.
Ademais, sinalou que o BNG rexistrou o pasado 19 de xullo unha batería de preguntas para a súa contestación por escrito ao grupo de goberno e, segundo o regulamento deste Concello, tiñan 15 días para contestalas e aínda non o fixeron. “Se non teñen nada que ocultar por que non responderon en prazo”, preguntouse Rubén Cela.