“Roteiro dos libros viaxeiros” en Ponteareas

Para achegar a nenos e nenas á lectura

Ponteareas | Ponteareas quere achegar á lectura aos máis pequenos e pequenas de xeito ameno e divertido. O vindeiro venres 29 de abril, a Concellaría de Cultura organizará o ‘Roteiro dos libros viaxeiros’, unha actividade coa que percorrer as rúas ponteareás a través de xogos, obradoiros, contacontos e libros.

De 17.00 a 20.00 horas, haberá animación nos parques Ferro Ucha e na Perilla, así como nos xardíns do Concello e na Praza Maior, onde están colocadas “varias casetas de libros pensadas para que maiores e pequenos e pequenas fagan intercambio de exemplares e que poidan usalos sobre todo mentres se atopan gozando destes espazos públicos”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Durante a xornada, os e as animadoras municipais farán diferentes actividades nestes espazos nun percorrido que rematará na biblioteca municipal. A xornada, de balde, vai dirixida a nenos e nenas de 5 a 10 anos e terá prazas limitadas. As persoas interesadas poderán inscribirse na propia biblioteca, a través do correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou chamando ao 986 660 765.

Fernando Groba destaca que con esta e outras actividades, “o Concello quere promover entre o público máis novo o amor pola lectura, facendo ver aos nenos e nenas que os libros poden ser unha fonte de aventuras e diversión e que a biblioteca convértese nun grande espazo de lecer”.