Rogelio Martínez González é o novo director xerente de Expourense

Fora ratificado o pasado 5 de maio polo Padroado

Ourense | O novo director xerente dende a súa etapa anterior a este nomeamento, estivo sempre vencellado ás actividades organizadas por Expourense, en especial, con aquelas relacionadas coas potencialidades do territorio ourensán como o turismo enogastronómico ou o termalismo. Leva xa varias edicións formando parte dos comités de expertos que organizan as dúas feiras internacionais insignia desta Fundación: Xantar e Termatalia.

Rogelio Martínez conta cunha dilatada traxectoria profesional que comezou en 1979 cando foi elixido alcalde de Arnoia, concello ourensán ubicado en pleno corazón do Ribeiro, cargo no que estivo 30 anos.

Tamén foi vicepresidente da Deputación de Ourense durante 18 anos e posteriormente foi tamén delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, postos dende o que traballou, sobre todo, para impulsar o sector primario ourensán apoiando accións que implicasen a súa saída ao mercado internacional e o aumento da súa capacidade innovadora.

Rogelio Martínez chega a Expourense co reto de contribuír á reactivación do tecido empresarial ourensán logo da pandemia e de dirixir un recinto referente en Galicia.