Ribadumia recibiu 2.214 visitantes este verán

O 75% dos visitantes foron nacionais mentres Portugal e Italia lideraron os turistas internacionais

Ribadumia | Segundo os datos recollidos pola Oficina de Turismo, o Concello de Ribadumia recibiu, durante os meses de xullo, agosto e setembro (ata o día 16), un total de 2214 visitantes, sendo o mes de agosto o máis numeroso do trimestre, con 1088 visitantes.

O turismo nacional continúa a ter grande presencia, sobre todo durante os meses de xullo e agosto, en que se recibiron visitantes de toda a xeografía española. Neste terceiro trimestre do ano, o 75% dos visitantes foron nacionais; con Madrid, Castela e León e Andalucía encabezando a lista. Por outra banda, o 25% restante pertence aos visitantes internacionais, sendo Portugal e Italia os principais países emisores. Estas cifras de nivel internacional continúan crecendo en comparación co ano anterior.

Dentro do total de visitantes, o 45,6% correspóndese co perfil do peregrino ligado á Variante Espiritual; o 48,9% foron turistas e a porcentaxe restante pertence ao número de excursionistas recibidos durante este período de tres meses.

Sobre os intereses do conxunto de persoas que visitaron Ribadumia neste periodo de tempo, destaca, amais do exposto anteriormente (recursos naturais e a Variante Espitritual), a gastronomía, o enoturismo e a práctica de deportes no eido natural.

Estas cifras reflicten un incremento de visitantes con respecto a anos anteriores e, grazas a elas, faise unha valoración positiva da temporada de verán no concello. Facendo unha valoración do ano en curso, foi un ano positivo e marcado polo Xacobeo, en que o gran protagonista foi o peregrino e o motivo polo que os visitantes internacionais aumentaron no municipio.

Desde o Concello seguirase apostando polo fomento e promoción do turismo, así como tamén de todo o patrimonio cultural e gastronómico que existe en Ribadumia.