Reunión informativa para a campaña de erradicación da velutina

No encontro do sábado día 30 impartiránse coñecementos técnicos e prácticos e repartiranse trampas e unha nova fórmula máis efectiva de líquido atraínte

Ponteareas | O alcalde Xosé Represas convida á cidadanía ao encontro informativo sobre a “campaña de erradicación da velutina para o 2019” e informa á veciñanza que as 650 trampas colocadas durante o ano 2018 conseguiron reducir drásticamente o número de raíñas e niños secundarios cun total de máis de 22.000 raíñas capturadas.

A cita será o vindeiro sábado día 30 ás 17 horas no salón de plenos da casa do concello donde un técnico da Asociación Galega de Apicultores (AGA) explicará as novas técnicas de trampeo. Realizarase unha demostración práctica que permitirá, que ao igual que na primavera pasada, se eliminen milleiros de raíñas .

Entre os asistentes repartirase líquido atraínte realizado con ingredientes naturais e caseiros que non son prexudiciais para o medio ambiente, unha fórmula mellorada respecto á da campaña anterior froito da investigación e experiencia da asociación de apicultores . Esta nova fórmula é máis efectiva e abarata custes.
Xosé Represas adianta que se crearán grupos de voluntariados que seguindo as indicacións técnicas asesoren á veciñanza.

O ano pasado os bombeiros de Ponteareas, dependentes da concellería de Seguridade Cidadá que dirixe Vanesa Fernández, retiraron un total de 321 niños de vespa velutina.

Fernández explica que aínda que esta tarefa é competencia da Xunta de Galicia, ante “a súa pasividade e irresponsabilidade”, atenderon as chamadas da veciñanza ao supor un grave problema.

O responsable dos bombeiros, Roberto Castro, informa que recibiron un total de 420 avisos, quedando algúns niños sen retirar ao estar en lugares de difícil acceso, de moita altura ou sobre regatos, avisos que foron notificados á Xunta de Galicia para que se faga cargo.

Os bombeiros tamén ofreceron formación tanto en centros educativos como en centros e casas culturais.
Por último, Fernández adianta que a concellería de Seguridade Cidadá adquirirá novo equipamento para a erradicación da vespa velutina.