‘Reto da saúde mental’ en Ames para o 2022

Con programas de prevención, sensibilización e información
A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo (segunda pola esquerda) compañada de Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde, e dos psicólogos Belén Montesa e Juan Carlos Permuy.

Ames | A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, presentou esta mañá os obxectivos de Ames para o 2022 en materia de prevención da saúde, co gran reto de traballar con maior profundidade no campo da saúde mental.

“A nosa intención é seguir traballando neste eido e sobre todo comezar a traballar en sensibilización, información, formación e desmitificación desta gran descoñecida que é a saúde mental”, sinalou Feijóo.

Acompañada de Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde, e dos psicólogos Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, a concelleira anunciou que dende a vindeira semana, 350 alumnas e alumnos amesáns de 4º da ESO e de Bacharelato comezarán con sesións de regulación emocional, que acompañarán aos programas xa vixentes de prevención de condutas aditivas e de educación afectivo-sexual, impartidos dende os 8 ata os 16 anos.

A saúde mental presentouse esta mañá como a “cuarta pata” das medidas de prevención da saúde no concello, que comezaron no ano 2015, tras unha breve experiencia anterior no 2009. Así o explicou Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde, que sinalou que nos últimos cinco anos “as necesidades da veciñanza cambiaron moitísimo”, e que agora é o momento de apostar polas “necesidades mentais das nosas veciñas e veciños”.

Dende o 2015, coa introdución de Ames na Rede Española de Cidades Saudables, os programas de prevención da saúde foron aumentando paso a paso, cunha aposta inicial pola alimentación e a actividade física que pronto quedou pequena. No ano 2017, o Concello comezou a levar a prevención da saúde “a pé de rúa”, tal e como indicou Rosana Martínez. No ano 2018 iniciouse o programa de andainas “Saudeando”, cunha gran acollida da veciñanza, e está acompañado dende o 2019 por sesións de yoga terapéutico.

Dende o 2017 tamén se realiza o programa de prevención de condutas aditivas nos centros educativos amesáns, que comezou nos cursos de 6º de primaria, 2º e 4º da ESO pero que acabou incluíndo a toda a rapazada dende os 8 ata os 16, engadindo no 2019 a educación afectivo-sexual a este conxunto de medidas.

A pandemia como detonante para asumir “o reto da saúde mental” nos centros educativos
A pandemia do coronavirus e a posterior volta á normalidade provocou que os programas de prevención da saúde nos centros educativos mudaran o seu enfoque. “Empregamos a pandemia como un bo momento para seguir traballando nas condutas aditivas, enfocadas sobre todo cara ás TICs, os videoxogos ou as apostas en liña”, sinalou a concelleira Luísa Feijóo, “mais ao retornar ás clases notamos unha clara necesidade de xestión emocional”.

Demandado directamente polo equipo docente e de orientación do IES de Ames, durante o curso 2020-2021 deu comezo unha nova programación que se enfocara na xestión das emocións e da ansiedade, pensada para o alumnado de 4º da ESO e de Bacharelato. O programa, con catro sesións ao longo do curso, tivo un enorme éxito entre as alumnas e alumnos participantes, pouco acostumados a este tipo de actividades nuns cursos cunha gran carga lectiva.

“Nestes cursos con maior carga de traballo, o alumnado bota en falta actividades deste tipo. Hai que dotar de recursos á rapazada para aprender a vivir mellor, para transitar a adolescencia e para aprender a coñecerse”, indicou o psicólogo Juan Carlos Permuy, un dos profesionais que realiza programas de prevención da saúde nos centros educativos de Ames.

Tras esta experiencia positiva, esta vindeira semana dará comezo o programa de regulación emocional, desta vez nos dous institutos de Ames, cuns 350 alumnos e alumnas de 4º da ESO e Bacharelato participando no itinerario. Juan Carlos Permuy, un dos encargados do proxecto, destacou a importancia deste programa “pioneiro en Galicia”.

“A pandemia afectou gravemente á saúde mental dos adolescentes, de aí a importancia da existencia deste programa pioneiro en Galicia e que destaca por contar con persoal profesionalizado e especializado en prevención da saúde”.

Ademais, engadiu que o ideal sería que este tipo de actividades comezasen na educación infantil “mais alcanzar á rapazada de entre 15 e 18 anos xa é un gran éxito”.

A regulación emocional súmase aos programas de condutas aditivas e de educación afectivo-sexuais
Este programa de regulación emocional engádese aos xa existentes de prevención de condutas aditivas e ao programa de educación afectivo sexual que comezaron en 2017 e en 2019 respectivamente.

O programa de Prevención de condutas aditivas no ámbito escolar ten como obxectivo abordar as adicións como alcol, tabaco, drogas, internet ou os xogos online entre os alumnos e alumnas de 3º de primaria e 4º da ESO.

Por outra banda, o programa de educación afectivo sexual está encamiñado a formar a persoas responsables capaces de comprender a sexualidade como un aspecto máis na vida dunha persoa, entendendo a faceta sexual como un proceso básico na vida e no desenrolo san das persoas.

Así, o obxectivo é ir máis alá do feito de informar sobre métodos anticonceptivos, masturbación ou enfermidades de transmisión sexual, para que os rapaces entendan aspectos como o desexo, a autoestima, as emocións, a responsabilidade ou o autocoidado.

A formación, ao igual que en anos anteriores, adaptarase ás idades e aos niveis educativos da rapazada. Entre os alumnos de 3º a 6º de primaria promociónase o uso saudable das tics, “centrado no uso dos videoxogos e nas redes sociais”, segundo unha das psicólogas encargadas do proxecto, Belén Montesa. A introdución das primeiras substancias aditivas como alcol e tabaco faise en 6º de primaria.

Xa na secundaria, introdúcense, en 1º e en 3º da ESO as sesións afectivo-sexuais, mentres que en 2º e en 4º da ESO é a quenda das substancias aditivas, introducindo primeiro o cannabis e máis adiante as apostas deportivas. En total, 1800 alumnos dende os 8 aos 18 anos foron atendidos por algún destes tres programas de promoción da saúde.

A psicóloga Belén Montesa destacou a aposta do Concello de Ames pola prevención da saúde. “Ames é un concello moi implicado, que aposta pola prevención da saúde mental nos colexios e nos institutos”. Montesa tamén fixo fincapé no “gran traballo en rede que se fai dende Ames e nas sinerxías xeradas entre a comunidade educativa, a docencia e a Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde”.

Retos para o 2022
A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, rematou a presentación anunciando os retos que vai afrontar o seu departamento de cara ao 2022. Ao longo do vindeiro curso proponse a consecución de cinco obxectivos, como darlle continuidade ao programa de condutas aditivas, de educación afectivo-sexual e de regulación emocional nos colexios e nos institutos de Ames.

O segundo dos obxectivos é ampliar o programa de regulación emocional aos traballadores do Concello durante o primeiro trimestre do 2022, pois “é moi importante coidar e mimar aos nosos traballadores e traballadoras”, en palabras da concelleira. Outro dos retos a afrontar polo Departamento en 2022 é a realización da II Feira da Saúde, logo do éxito da I Feira da Saúde e do Ben-Estar.

O cuarto propósito é preparar as Xornadas de saúde mental infanto xuvenil. E para rematar, a concelleira anunciou a pretensión de comezar coa “tarefa pendente” que é a prevención do suicidio.

Outros artigos