
A Coruña | A continuación reproducimos íntegramente o comunicado enviado polas Asociacións Abril de Lume e Ferro e Cultura Aberta de Carral co respecto á posición da Xunta de Galicia sobre o legado de Moncho Reboiras.
“Na agradecida memoria de Moncho Reboiras e o que representa”.
“Desde as Asociacións Abril de Lume e Ferro e Cultura Aberta de Carral, coa xente dos xurados dos premios “Mártires da Liberdade”, queremos manifestar publicamente a total oposición ás palabras coas que desde o “Goberno de Galicia” pretenden mentir e ocultar o verdadeiro legado, ronsel de gloria, de Moncho Reboiras.
Vemos como veñen aparecendo responsables neste sorprendente xeito coactivo de actuar. Aínda habitan odio e vinganza. Nótase nas blasfemias, nos descréditos que lanzan conta quen nunca pensamos coma eles. Semella que toca “revancha” e submisión, quizais esquecemento. Mais non saben que o noso modo de loitar e non esquecer, retendo os feitos contra os contos conspiranoicos dun pensamento anacrónico e irracional.
Repartindo medallas de “Castelao” son quen de reprimir a consideración do Día da Galiza Mártir que o mesmo Alfonso Daniel deseñara no ano 1942, na data en que mataran ao irmán Alexandre Bóveda, para pór en valor os sentimento galeguista de pertenza e orgullo, para sementar as arelas dunha xeración que queiramos ou non nos marcará sempre. Agora veñen contra Moncho Reboiras, a quen nós premiamos este pasado ano tendo en conta a súa heroica morte en defensa dos dereitos do proletariado, da legalidade máis humana e existencial. Foi un asasinato e non quedará impune mentres non se restitúa o seu honor, mentres haxa miserables capaces de facelo verdugo despois de ser executado. Queren, agora, quedar de vítimas? Un alarde máis de cinismo dos mesmos promotores daquel axuste de contas que se fixo desde un revisionismo mentido e traidor, propio de malnacidos.
Tamén o día 19 deste mes de xuño, en Lugo, declarábase Espazo para a Memoria o Vello Cárcere. Lugar de crimes e torturas, lugar hoxe de silencio e respecto. Pero non, a nova corporación fixo o imposible para impedir que se celebrase dentro do edificio. Eu estaba presente e sentín vergoña diante dese vil comportamento de certos “demócratas de toda a vida”. Que mágoa, tanto tempo non aprendemos”.
Estaremos sempre en contra das mentiras e dos silencios que avogan esa teima insistente de ocultar a realidade, de difamar e desviar a atención para impedir que se repoña a súa honra e, por fin se faga, con el e con moitas outras persoas, Xustiza”.




