Reino Unido, Holanda, Luxemburgo e Suíza son responsables da metade das perdas fiscais anuais: 199.000 millóns de euros

Afirma estudo da organización Tax Justice

El Diario/Andrés Gil | Os países están a perder un total de máis de 358.000 millóns de euros en impostos non recadados cada ano debido ao abuso das rebaixas ás contribucións empresariais e á evasión de impostos privados.

Segundo a organización Tax Justice, o que deixan de ingresar os países é o equivalente a case 34 millóns de salarios anuais de enfermeiras, ou o salario anual dunha enfermeira cada segundo. O estudo de Tax Justice, publicado xunto con Public Services International, revela canto diñeiro público deixa de gañar cada país debido ao abuso fiscal dalgúns países, e identifica aos máis responsables das perdas do resto.

“O que deixan de ingresar os países é o equivalente a case 34 millóns de salarios anuais de enfermeiras, ou o salario anual dunha enfermeira cada segundo”

O método é analizar os datos facilitados polas corporacións multinacionais ás autoridades fiscais e publicados recentemente pola OCDE. Despois de case dúas décadas de campañas, a OCDE puxo os datos ao dispor do público por primeira vez en xullo de 2020, aínda que se fixo despois de que os datos das corporacións multinacionais fosen engadidos e anonimizados, explica Tax Justice.

Dos 358.000 millóns de euros en impostos que se perden cada ano nos paraísos fiscais mundiais, o informe sinala que 205.000 millóns de euros pérdense directamente por abuso de impostos de sociedades por parte de corporacións multinacionais, e 153.000 millóns, por evasión fiscal privada.

Segundo Tax Justice, “as corporacións multinacionais pagaron miles de millóns menos en impostos do que deberían ao trasladar 1,16 billóns de beneficios dos países onde se xeraron aos paraísos fiscais, onde as taxas de impostos corporativos son extremadamente baixas ou inexistentes. Os evasores de impostos privados pagaron menos ao depositar máis de 10 billóns en activos financeiros no estranxeiro”.

Os países máis pobres, os máis afectados
“Aínda que os países de ingresos máis altos perden máis impostos debido ao abuso fiscal mundial, as perdas fiscais teñen consecuencias moito maiores nos países de ingresos máis baixos”, afirma o estudo.

Os países de ingresos máis altos perden en total máis de 320.500 millóns cada ano, mentres que os países de baixos ingresos perden 37.500 millóns, sostén Tax Justice. Con todo, as perdas fiscais dos países de ingresos máis baixos “equivalen a case o 52% dos seus orzamentos de saúde pública, mentres que as perdas fiscais dos países de ingresos máis altos equivalen ao 8% dos seus orzamentos sanitarios”.

Do mesmo xeito, os países de ingresos máis baixos “perden o equivalente ao 5,8% dos ingresos fiscais totais que adoitan recadar ao ano debido ao abuso fiscal mundial, mentres que os países de ingresos máis altos perden o 2,5% de media”.

O mesmo patrón de desigualdade global tamén é visible cando se comparan rexións no norte e o sur. América do Norte e Europa perden en impostos máis de 79.700 millóns e máis de 154.300 millóns, respectivamente, segundo o estudo; mentres que América Latina e África perden máis de 36.000 millóns e de 22.700 millóns, respectivamente.

“As perdas fiscais de América Latina e África equivalen ao 20,4% e 52,5% dos orzamentos da saúde pública”

Con todo, as perdas fiscais de América do Norte e Europa “equivalen ao 5,7% e o 12,6% dos orzamentos de saúde pública das rexións, respectivamente, mentres que as perdas fiscais de América Latina e África equivalen ao 20,4% e 52,5% dos orzamentos da saúde pública”.

A responsabilidade dos países ricos
Ao avaliar que países son os máis responsables dos abusos fiscais mundiais, o informe de Tax Justice amosa que os maiores facilitadores son os países ricos, “e non os países que aparecen na ‘lista negra’ de paraísos fiscais da UE nin as pequenas illas de palmeiras do imaxinario popular”.

Así, os países de máis ingresos “son responsables do 98% das perdas fiscais, máis de 351.500 millóns de euros en impostos perdidos cada ano, mentres que os países de ingresos máis baixos son responsables do 2%, o que lles custa aos países uns 7.000 millóns de euros en impostos perdidos cada ano”.

As cinco xurisdicións máis responsables das perdas fiscais, segundo a investigación, son: o territorio británico de Caimán (responsable do 16,5% das perdas fiscais globais, equivalente a máis de 58.700 millóns); o Reino Unido (10%; máis de 35.800 millóns); os Países Baixos (8,5%; máis de 30.200 millóns); Luxemburgo (6,5%; máis de 22.600 millóns) e Estados Unidos (5,53%; máis de 19.300 millóns).

Os países membros do G20, que se reuniron a finais de novembro nun cumio, son responsables, segundo o informe, “do 26,7% das perdas fiscais mundiais”, calcula Tax Justice, o que lles custa aos países máis de 95.600 millóns de euros en impostos perdidos cada ano. Os propios países do G20 tamén perden máis de 243.300 millóns de euros cada ano”.

A rede do Reino Unido
A xurisdición que causa aos países a maioría das perdas fiscais globais é o territorio británico de ultramar das Illas Caimán, que é responsable de que outros países perdan máis de 58.700 millóns de euros en impostos cada ano. Con todo, as Illas Caimán son só unha xurisdición que pertence á rede de territorios de ultramar e dependencias da coroa británica, onde o Reino Unido ten plenos poderes para impoñer ou vetar a lexislación e onde o poder de nomear a funcionarios gobernamentais clave recae en Londres.

“A ‘tea de araña’ do Reino Unido é responsable do 37,4% de todas as perdas fiscais sufridas por países de todo o mundo”

“Coñecida como a tea de araña do Reino Unido”, afirma Tax Justice, “a extensa investigación documentou as formas en que esta rede de xurisdicións opera como unha rede de paraísos fiscais que facilitan o abuso fiscal corporativo e privado, en cuxo centro se atopa a City de Londres: a tea de araña do Reino Unido é responsable do 37,4% de todas as perdas fiscais sufridas por países de todo o mundo, o que custa aos países máis de 134.200 millóns de euros en impostos perdidos cada ano”.

O “eixo da evasión fiscal”, responsable do 50% das perdas
O Corporate Tax Haven Index 2019 calculara que o Reino Unido, xunto coa súa rede de territorios de ultramar, Luxemburgo, Suíza e os Países Baixos eras responsables da metade do risco mundial de abusos de impostos corporativos, e acuñaba a etiqueta “eixo de evasión fiscal”.

Tax Justice relataba en abril de 2020 que o eixo da evasión fiscal cústalle á UE máis de 22.650 millóns en impostos perdidos cada ano unicamente das corporacións multinacionais estadounidenses que operan na UE. E o informe de agora confirma que o eixo da elusión fiscal é responsable de máis do 47,6% das perdas fiscais polos abusos do imposto de sociedades. E cando se engaden as perdas fiscais pola evasión fiscal privada, “o eixo da evasión fiscal é responsable do 55% de todas as perdas fiscais sufridas, o que custa ao resto de países do planeta preto de 199.000 millóns de euros en impostos perdidos cada ano”.

“Os Estados membros da UE son responsables do 36% das perdas fiscais globais, o que supón máis de 129.200 millóns de euros en impostos perdidos cada ano”

A análise das xurisdicións na lista negra de paraísos fiscais da UE demostrou que o grupo é responsable de só o 1,72% das perdas fiscais globais, o que custa aos países máis de 5.900 millóns de euros en impostos perdidos ao ano. En cambio, os Estados membros da UE son responsables do 36% das perdas fiscais globais, o que supón máis de 129.200 millóns de euros en impostos perdidos cada ano.

Tax Justice critica que “a lista negra da UE ignore os principais paraísos fiscais mentres se centra en xurisdicións que son secretas pero que xogan un papel insignificante na economía global. Dúas xurisdicións incluídas na lista negra da UE, Palau e Trinidad e Tobago, aínda que non cooperaron coas regulacións fiscais internacionais, non crearon perdas fiscais observables para outros países”.

Doutra banda, o territorio británico das Illas Caimán, incluído brevemente na lista negra entre febreiro e outubro de 2020, é responsable da maior parte das perdas fiscais (16,5% das perdas fiscais globais, o que equivale a máis de 58.720 millóns de euros ao ano). Tax Justice sostén que o feito de que se considere que Caimán cumpre coas normas fiscais internacionais a pesar de ser o maior facilitador mundial do abuso fiscal global “é unha proba de que as normas fiscais internacionais actuais non son adecuadas para o seu propósito”.

Tomado e traducido de eldiario.es

 

elDiario.es é un medio de comunicación dixital fundado en 2012 por un grupo de xornalistas que non se dá por vencido, a pesar da crise, a pesar das presións do poder, a pesar da falta de credibilidade da prensa. Cremos no xornalismo, a pesar de todo.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!