Reducen o nivel de arsénico en Castrelo de Miño

As actuacións normalizan o subministro contando coas garantías para o consumo

Ourense | As actuacións levadas a cabo para reducir o nivel de arsénico no sistema de abastecemento municipal de Castrelo de Miño permitiron normalizar o subministro de auga á poboación, ao contar coas garantías sanitarias para o seu consumo.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Avelino Pazos, supervisou o remate das actuacións desenvolvidas no sistema de abastecemento municipal de auga para reducir o nivel de arsénico. Esta intervención é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, que fixo unha achega de 400.000 euros, e o Concello, foi o encargado da execución das obras.

Grazas ao establecemento de novos sistemas de depuración, minimizáronse os niveis de arsénico detectados na auga que abastece a poboación, polo que dende hai dous días, tras os informes dos técnicos da Consellería de Sanidade, normalizouse o subministro, xa que a auga conta agora coas garantías sanitarias para o seu consumo.

En decembro do pasado ano, o Concello realizou unha declaración de emerxencia para afrontar a situación tras detectarse elevados valores de arsénico no sistema de abastecemento de auga. Para acadar valores aptos para garantir a calidade da auga do abastecemento cumpría desenvolver unha serie de actuacións para as que a entidade local contou co apoio técnico e financeiro da Xunta.

No marco do convenio asinado entre ambas as administracións, autonómica e local, proxectáronse en primeiro lugar, actuacións de emerxencia para abastecer con garantía sanitaria ata a execución dunha solución definitiva, asumindo a Xunta o custo, tanto da asistencia técnica para a súa definición, como da súa execución.

Para atallar de forma inmediata esta problemática, na potabilizadora de Coto Novelle, mellorouse a dosificación de reactivos e levouse a cabo a substitución da area do filtro pechado actual por outra de alta capacidade, mediante un sistema automatizado. Ademais instaláronse analizadores de cloro e de turbidez en continuo. Tamén no depósito de Traveso executouse un filtro para a eliminación de arsénico, con analizadores de cloro e turbidez en tempo real.

Xunto con isto, o convenio recolle a redacción do proxecto da solución que permita acabar de forma definitiva co problema da presenza de altos niveis de arsénico na auga do abastecemento. Ese proxecto elaborarase tomando como base o resultado do estudo de alternativas xa desenvolvido por Augas de Galicia.

Esta nova colaboración da Xunta con Castrelo de Miño súmase a outra actuación paralela de execución de melloras na rede de abastecemento en varios núcleos do municipio por un importe de 40.000 €, obras que xa foron finalizadas e entregadas ao Concello no pasado mes de marzo.