Recuperación integral do Cruceiro do Torreiro en Ponteareas

Rehabilitación tras accidente de tráfico

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de rematar a recuperación integral do cruceiro do Torreiro, na parroquia de Moreira, un ben de interese etnográfico que sufrira importantes danos materiais a finais de agosto de 2021 tras impactar contra el un vehículo que circulaba a alta velocidade pola zona.

“Con estes traballos quixemos non só recuperar o cruceiro, senón tamén garantir a axeitada conservación e protección deste ben etnográfico que, xunto coa igrexa de San Martiño, supón un importante legado patrimonial”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O mestre canteiro Manuel Sestelo, da empresa Folla de Acanto, levou a cabo os traballos de recuperación a través dos que, ademais de rehabilitar a reixa de forxa e as gradas do cruceiro, recuperáronse as imaxes de coroación que o cruceiro tiña orixinalmente, Cristo no anverso e a Virxe no reverso.

A prioridade era “minimizar os riscos de afección sobre o patrimonio cultural e garantir a documentación, recuperación e conservación de calquera tipo de restos ou materiais de interese etnográfico que puideran aparecer no transcurso da rehabilitación”.

A rehabilitación comezou cunha limpeza superficial do cruceiro con auga e cepillo de fíos naturais, para continuar coa reconstrución tanto do Cristo e da cruz que lle serve de soporte. Logo procedeuse á recuperación das gradas do cruceiro e á rehabilitación da reixa de forxa que protexía o perímetro deste ben etnográfico levantado no ano 1875, sendo abade da parroquia Manuel María Troncoso y Mosquera, tal e como se recolle nunha inscrición situada no pedestal deste ben cultural.

Xunto a estes traballos tamén se melloraron a estética e adaptación ao ambiente do cruceiro e se reforzou a súa visibilidade e vistosidade.