PSOE Salceda: “a liña do goberno municipal é desnortada”

Os socialistas critican a xestión de Movemento Salceda porque "non resolve as necesidades da veciñanza"

Salceda de Caselas/PSdeG-PSOE | O grupo municipal do PSdG-PSOE de Salceda de Caselas considera que Movemento Salceda continúa a manter a liña de goberno desnortado que se iniciou dende que arrancou a actual lexislatura.

A voceira do grupo municipal socialista Verónica Tourón reclama ao goberno municipal que, dunha vez por todas, traia ao pleno os temas que de verdade demandan e lle importan á veciñanza. Temas importantes como a elaboración dos orzamentos municipais, a concreción dos axustes que se deben facer nos gastos municipais conforme ao Plan de Axuste asinado, ou as propostas de desenvolvemento das diferentes dotacións municipais para unha mellor prestación dos servizos públicos municipais.

O grupo municipal socialista salienta que a proposta de recuperación das fachadas do antiga Praza de Abastos é a última ocorrencia do goberno actual, para agochar a falta de traballo e a deixadez instaurada no concello dende o inicio da lexislatura. “Non procede nun momento económico complexo para as arcas municipais, que se destinen recursos públicos a gastos innecesarios e sobre todo pouco xustificables”

Os detalles da proposta non foron trasladados en ningún momento pola alcaldesa con claridade aos diferentes grupos municipais, nin antes nin ao longo do pleno. Pretendendo que se apoiase un punto onde só figuraba no expediente a venta da pedra da fachada no ano 1994, que deixa en evidencia a falta de traballo na proposta.

Non se sabe nin canto vai costar recuperar as fachadas, nin en que emprazamento van a ser colocadas, nin que finalidade de interese público ten esta operación. A veciñanza ten outras necesidades máis urxentes que recuperar as pedras de escaso valor patrimonial da praza de abastos, que non van a mellorar a vida das e dos salcedenses.

O grupo socialista afirma que esta proposta é unha “cortina de fume”, unha estratexia para tapar a falta de acción do goberno municipal. Este é un goberno que ten moita “fachada” pero ningún contido detrás, ningunha idea, ningún proxecto para Salceda, nen sequera unha folla de ruta para o que queda de lexislatura.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.