PSOE Ponteareas: “Ana Pastor minte coas obras na N 120”

Considerou as súas declaracións como un "espectáculo bochornoso"

Ponteareas/PSdeG-PSOE | Dende o PSOE de Ponteareas, lamentamos o espectáculo bochornoso protagonizado pola señora Ana Pastor, anunciando unha vez mais en campaña electoral, obras en Ponteareas. Debería darlle vergoña estar en Ponteareas prometendo una vez mais as mesmas obras que o PP non fixo nos últimos trinta anos, cando estivo no Goberno Central nos que sempre estivo Ana Pastor tanto con Aznar como con Rajoy, sendo ademais con este último responsable do Ministerio de Fomento, sen que se soubera ningunha actuación relevante no noso concello mais alá de declacións na prensa sempre xusto en período electoral.

Durante os 8 anos de goberno de Aznar , a inversión do Goberno Central en Ponteareas foi exactamente de “0 euros”. Cos gobernos de Rajoy 200.000,00 para a instalación dunhas luminarias na N-120. Estes son todos os feitos do PP en Ponteareas nos últimos 30 anos.

Cando Goberna o PSOE os números son diferentes. Con Zapatero invertíronse mais de 1 millón de euros nas rotondas de Granitos e Canedo e nas isletas de seguridade vial do cruce de Ganade, Gulans, Parada e Confurco.

Co Goberno actual de Pedro Sánchez xa está adxudicada a ampliación da EDAR (Depuradora) da Moscadeira por 14 millos de euros. Xa esta feito e aprobado definitivamente, o proxecto de reforma de seguridade vial da N-120 que contempla 8 rotondas. Estes son feitos publicados no BOE e non propaganda de prensa electoral de Ana Pastor e dos seus corifeos, unha nova “tomadura de pelo” ós cidadáns de Ponteareas.

Lamentamos profundamente que a Sra. Ana Pastor minta dicindo que o PP tiña proxectos para a Nacional 120 cando ela era Ministra de Fomento porque o único que atopou o PSOE cando chegou ao goberno foi un caixón valeiro. O PSOE non consentirá que o Partido Popular minta e trate de enganar aos veciños e veciñas de Ponteareas. O único proxecto que hai para a Nacional 120 é o que fixo o goberno de Pedro Sánchez e que calquera veciño pode comprobar accedendo ao BOE do 14 de marzo de 2023. Actualmente ese proxecto está definitivamente aprobado e en redación do proxecto de construcción previo á licitación. Proxecto, que ten un valor estimado, feito polos técnicos, de 3,3 millóns de euros.

O único que fixo a Sra. Ana Pastor foi poñer 27 millóns nun papel que xamáis executou, porque os cartos que figuraban nos orzamentos para Ponteareas ou ben eran unha cortina de fume para seguir enganando aos veciños e veciñas, ou ben respostaba a un posible pelotazo urbanístico. Os feitos falan e os veciños e veciñas saben que o proxecto de mellora da Seguridade Vial na Nacional 120 o fixo o goberno de Pedro Sánchez.