PSOE Ponteareas acusa á Alcaldesa Nava Castro de “caciquismo”

Por incumprimento da lexislación de persoal

Ponteareas/PSdeG-PSOE | No pleno celebrado onte a Sra. Nava Castro admitiu que un familiar seu usa as instalacións municipais por consideralo “persoal da miña confianza “.

O PSOE denuncia a gravidade dos feitos xa que a Sra Alcaldesa utiliza a institución municipal e os medios públicos ao seu antollo incumprindo toda a lexislación de persoal, xa que está utilizando persoal do PP e incluso familiares seu en tarefas municipais, sen que estas teñan ningunha vinculación laboral nin de representación na actualidade co concello.

A portavoz do Partido Socialista, Vanesa Fernández, lembra que non existe ningunha praza no persoal do concello para cargos de confianza. “Non imos consentir que a Sra Castro faga deste Concello o seu chiringuito particular. O persoal na administración non se elixe a dedo ou por ser familiar senón conforme ao mérito e capacidade dos aspirantes. É moi grave o que todos os veciños e veciñas puideron escoitar onte da propia alcaldesa cando afirmou que este familiar seu tiña acceso a expedientes relacionados con ela, sen que especificase a que expedientes ten acceso esta persoa”, afirma Vanesa Fernández.

O Partido Socialista elevará escrito a fiscalía para que a alcaldesa cese nestas condutas irregulares que lembran á época do enchufismo en Ponteareas. “O Castrismo volveu a Ponteareas para recuperar prácticas caciquís de hai décadas cando se enchufaba no Concello a familiares ou persoas afíns ao Partido Popular”, afirma Vanesa Fernández.