PSOE e PP enfróntanse polo peche temporal do Mercado Municipal de Tui

A través de sendos comunicados aclarando as súas respectivas posturas

Tui | O peche temporal durante cinco semanas do Mercado Municipal tudense provocou un cruce de comunicados entre o PP e PSOE locais. A continuación reproducimos integramente ámbolos dous comunicados, comezando polo PP de Tui que enviou a súa nota o día 5 de maio. A foto que ilustra esta información é a enviada polo departamento de prensa dos ‘populares’ tudenses.

PP: “o goberno municipal non ofrece alternativas aos praceiros”
O mercado municipal de Tui pechará as súas portas e cesará toda a súa actividade comercial durante alomenos 5 semanas, a partir deste luns, día 6 de maio, como así llo comunicou o alcalde, Enrique Cabaleiro, ós praceiros e praceiras o pasado luns.

Esta medida, segundo os populares, incumpre directamente a palabra e o compromiso do alcalde e da concelleira de comercio, Ana Núñez, cando ó inicio das obras, para sortear o forte rexeitamento a esta intervención, lles asegurou aos traballadores, que durante as labores de remodelación do mercado municipal poderían continuar coa súa actividade comercial ó ser estas levadas a cabo en dúas fases.

“O goberno cambia radicalmente de opinión e decide de xeito unilateral pechar este espazo sen ofrecer unha alternativa”

Os populares subliñan que apenas uns meses despois, “cambian radicalmente de opinión e deciden de xeito unilateral pechar este espazo sen ofrecer unha alternativa”. O voceiro do Partido Popular, Nico Montes, lamenta que “a falta de xestión e de previsión” do equipo de goberno supoña aos praceiros “o peche dos seus establecementos durante polo menos mes e medio sen ofrecer unha alternativa adecuada as súas necesidades”, e indica que “non hai que ir lonxe para atopar unha solución” facendo alusión ó concello do Porriño, que na remodelación da súa praza optou por ubicar os negocios nunha carpa no exterior do mercado municipal mentres tiñan lugar as obras, para intentar mitigar ó máximo os inconvintes xerados por esa intervención.

Para rematar, os populares salientaban que “as perdas económicas e os prexuízos que lles suporá ós praceiros o peche da praza de abastos durante este período, poden ser significativos, ata o punto de por en risco a continuidade de moitos negocios, froito unha vez máis, da falta de planificación e da improvisación á que nos ten acostumados o equipo de goberno.”

PSOE responde: “o goberno non faltou a súa palabra”
Hoxe, día 6 de maio, de novo temos que desmentir ao Partido Popular de Tui. Agora acusan ao goberno de faltar á palabra dada cunha publicación nas súas redes fundamentada nun titular. O que non conta o señor Nico Montes é que nesa entrevista que da lugar a ese titular a concelleira conta exactamente cal era o plan que se está a executar á perfección.

Os praceiros e praceiras serían reubicados durante a Primeira Fase da obra na mesma Praza de Abastos. E unha vez rematada, se licitarían os postos e xa se incorporarían na Praza xa reformada. Incorporamos un vídeo no que mostramos a proba disto coa explicación da concelleira. Non entendemos que é o que busca o Partido Popular de Tui con estas acusacións. Non lle fan dano ao goberno, fanlle dano á imaxe de Tui.

“Esperamos que se desculpen publicamente por esta mentira”

Esperamos que se desculpen publicamente por esta mentira que só busca embarrar un proxecto impecable, coa quinta maior puntuación de España e executado por unha empresa tudense que se está deixando a pel por cumprir os prazos incluso antes do esperado. Repetimos, as desculpas non son ao goberno, son a todos os cidadáns de Tui pola imaxe que se está xerando dun proxecto que dignificará a imaxe da Praza de Abastos de Tui e que mellorará os servizos de praceiros e consumidores, ademais de ser unha obra 100% tudense.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.