PSOE denuncia “elevados índices de manipulación” na TVG

Santiago de Compostela/PSOE |  A voceira do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG do Parlamento, Noa Díaz, denunciou “os elevados índices de manipulación” da TVG, “que leva denunciando xa en 127 ‘venres negros’ o colectivo Defende A Galega”.

Así, “a CRTVG non pode ser unha ferramenta propagandística que empregue Feijóo ao seu antollo nin un instrumento para deseducar ou aborregarnos”, aseverou, durante a comparecencia do director xeral da CRTVG.

A responsable socialista denunciou “chamadas ameazantes ás regueifeiras Sara Marchena e Aurora Redondo no Luar”, logo de reclamar durante unha emisión do programa Luar “máis pluralidade informativa e menos manipulación”. Ademais, lamentou a falla de emisión dos Premios Martín Códax da Música Galega e os falsos directos das galas dos Premios Mestre Mateo ante “o medo” da Dirección do ente por “algún comentario incómodo”.

Neste senso, a responsable socialista remarcou o “grave deterioro da radiotelevisón pública galega” a causa da “manipulación” que sofren os programas informativos, así como a “formulación e estruturación da grella”. Díaz destacou que “están tomando decisións erradas cos medios públicos” que “poden levar á ruína máis absoluta” e “ao descrédito”.

A socialista criticou a falla de “información de proximidade” e reivindicou o reestablecemento das “delegacións suprimidas en 2010, coas que se daba cobertura a todo o territorio”. Ademais, Díaz esixiu que se presente “o contrato-programa” que regula a relación administrativa entre o ente e a Xunta de Galicia.

CONFLITOS LABORAIS

No eido laboral, Díaz denunciou que na CRTVG “os conflitos laborais resólvese a golpe de denuncias, con indemnizacións que sufragamos todos os galegos e galegas”. Amais, lamentou que “a inestabilidade e precariedade laboral da corporación é un auténtico clamor”.

A súa vez, laiouse da falla de “diálogo fluído coa representación do persoal da CRTVG, un comité intercentros no que están representados cinco sindicatos e co que, en tres anos, o departamento de Recursos Humanos non chegou a nin un só acordo”. Así, recordou que o Grupo Socialista instou no Parlamento convocar un novo proceso selectivo “para estabilizar o emprego precario” na entidade.

Díaz esixiu que se dean “pasos” en materia laboral “para rematar coa precariedade”, e reclamou a elaboración do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, a renovación do Consello de Informativos e o relevo na Dirección Xeral.

A socialista pediu que “os profesionais traballen en liberdade e nunhas condicións dignas”, xa que “os medios públicos galegos son vitais para manter o espazo público democrático e reforzar a nosa identidade”. Así, recordou “a CRTVG está obrigada a cumprir coa súa misión de servizo público garantindo unha información de proximidade que respecte os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa.”

MEMORIA

En canto á presentación da Memoria de Servizo Público da CRTVG correspondente ao exercicio 2019, Díaz calificouna de “un tanto pueril e, por momentos, eufemística”, xa que “pretende vender como logros cuestións que non son tal”. Neste senso, a deputada socialista urxiu incrementar a produción propia interna da cadea que, segundo os datos proporcionados polo ente, corresponde ao 50% da grella.

Díaz lamentou a falla de aposta pola cultura e solicitou un incremento dos contidos culturais pola primeira canle, xa que “presentan 13 programas ou contedores ‘culturais’, que son emitidos pola segunda canle; fronte a 44 programas de entretemento, emitidos pola TVG”. Neste senso, recordou que a cultura “é algo máis que unha sucesión de espectáculos culturais” e puxo como exemplo a “inexistencia do cinema na TVG”, destacando que durante 2019 se emitiron “só 6 filmes en prime time, dos calos 4 eran en galego”.

Díaz reclamou a necesidade de dotar á TVG de programación infantil para “darlle pulo á nosa lingua entre a xente miúda” e garantir así “a súa pervivencia”. Neste senso, apoiou a iniciativa impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística dunha nova “canle Xabarín” que dispoña de “contidos atractivos, educativos e de produción galega” para nenos e nenas de Galicia.

Por último, Díaz esixiu uns “medios públicos á altura do que os galegos e galegas merecemos” e puxo en valor o traballo de “máis de 1.000 profesionais que diariamente traballan por entreternos, informarnos e educarnos nunhas condicións que deixan moito que desexar”.