PSdeG-PSOE insta á Xunta a asumir o financiamento dos conservatorios

Denuncia “desleixo” e “abandono” por parte da Consellería de Educación

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de chamar á Xunta a que asuma o financiamento dos conservatorios profesionais, tal e como xa lle solicitou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, durante o debate dunha proposición non de lei do PSdeG neste sentido que será votada mañá polos grupos parlamentarios.

Neste contexto, a deputada socialista denunciou o “desleixo” e “abandono” da Consellería de Educación con respecto aos conservatorios profesionais de música que está orixinado un “desequilibrio territorial”.

Ante isto, Otero urxiu ao Executivo galego a asumir unha “demanda histórica” e “acabar co agravio comparativo a distintos niveis que padecen as e os estudantes galegos de música” segundo o concello no que vivan, xa que 7 conservatorios, os das principais cidades de Galicia, son xestionados pola Xunta; mentres que o resto, máis de 25 situados en concellos de menor tamaño, son xestionados polas administracións locais.

“Os conservatorios que dependen dos concellos supoñen unha carga moi importante nos orzamentos municipais”, alertou Otero, quen puxo en valor que, malia isto, os pequenos municipios “suplen a deficiente atención que a administración autonómica presta á formación musical do alumnado”, unha cuestión que é competencia autonómica.

Con todo, incidiu, “o desleixo da Consellería afecta tamén aos conservatorios da súa xestión e competencia”, como é o caso do de Vigo, xa que, a pesares de ser “un centro de ensino imprescindible” que cada ano acolle a 300 estudantes de diversas nacionalidades, “tivo que sufrir durante anos unha degradación permanente sen que a Xunta teña tomado ningunha medida para solucionar os problemas estruturais do edificio”.

Conservatorio de Begonte: “Unha tomadura de pelo das gordas”
Por último, a responsable socialista aludiu á polémica xerada pola Xunta no Concello de Begonte onde achegou un millón de euros “para adaptar un aula musical que xestionará unha asociación” despois de ter pechado “en conivencia co alcalde popular” o colexio de Baamonde e “ignorar a indignación e o que teñen pasado as veciñas e veciños”.

O acontecido, incidiu, “é unha tomadura de pelo das gordas e un exemplo de arbitrariedade absoluta na xestión dos recursos públicos, no trato caciquil aos concellos galegos segundo as cores políticas e do desmantelamento da educación pública no rural”, xa que o presidente da asociación que vai xestionar o conservatorio “é irmán dun dos membros do goberno local de Begonte, un dos concelleiros do PP que votou a favor do peche da escola”.

Esta actuación é “inxustificable” cando ademais “a Xunta non quixo buscar fórmulas de colaboración para que convivisen escola e conservatorio”, concluíu.