PSdeG-PSOE exhibe no Val Miñor a súa forza electoral

Acto en Baiona ante un milleiro de militantes e simpatizantes

Baiona | Preto dun milleiro de militantes e simpatizantes participaron na cea de Nadal do PSdeG-PSOE do Valmiñor celebrada onte en Baiona e na que tomaron a palabra os alcaldes Carlos Gómez; Nigrán, Juan González e Gondomar, Francisco Ferreira. Un acto que contou coa asistencia e participación da presidenta do PSdeG-PSOE e da Deputación, Carmela Silva, e do secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.

Os tres alcaldes felicitaron as festas a toda a veciñanza e vaticinaron un 2023 de intenso traballo “porque a acción municipal non para cando hai Eleccións e hai que seguir atendendo á veciñanza”. Esta, coincidiron, é a única campaña electoral que saben facer os alcaldes e alcaldesas socialistas: “atender á xente e loitar polo seu progreso e benestar”.

David Regades anunciou que o socialismo vai avanzar en todo o Valmiñor nas próximas Municipais do 28 de maio e destacou que os gobernos locais de Carlos, Juan e Paco son “un exemplo”. Un exemplo que se suma ao que dan os 21 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia, “que gobernan a dous de cada tres persoas que viven nesta provincia”.

Regades, que fixo alusión ás enquisas en clave municipal que ratifican, unha tras outra a fortaleza do socialismo na provincia, engadiu que eses resultados demoscópicos son “fotos fixas da valoración dunha cidadanía que comproba día a día, como nos seus concellos hai máis oportunidades e máis progreso que alá onde están resignados á dereita”. Regades puxo en valor os avances sociais da man do Goberno central, un Goberno, recalcou, “que no medio dunha tempestade constante de ruído goberna por e para a xente”.

Carmela Silva subliñou que “non hai quen coñeza Baiona, Nigrán e Gondomar”, axudando coa súa acción municipal a que a provincia de Pontevedra “sexa unha referencia en todo o Estado”.

“O 28 de maio imos ter mellores resultados no Valmiñor e en toda a provincia, porque a cidadanía recoñece o traballo que se está a facer, un traballo que é posible gracias ao PSOE, aos seus alcaldes e alcaldesas, aos seus concelleiros e concelleiras e, por suposto, tamén gracias ás e os militantes, porque as e os militantes son o PSOE”. A presidenta do socialismo galego concluíu afirmando que Oia “vai ser socialista o próximo 28 de maio, con Gerardo Rodríguez como alcalde, sumándose así ao cambio”.