PSdeG Ourense destapa unha foto de Baltar montado no coche oficial multado

Denunciando a existencia dunha “gran trama familiar”

Ourense | O PSdeG-PSOE vén de destapar unha fotografía do momento exacto no que un coche oficial da Deputación de Ourense foi multado con 1.500 euros por ir 157 qm/h nunha zona limitada a 90, na que se aprecia a José Manuel Baltar no interior do vehículo, tras asegurar o propio presidente que fora “imposible identificar” aos ocupantes.

Os socialistas cualifican estes feitos como “moi graves e esclarecedores”, xa que “evidencian” a “espiral de mentiras” na que está inmerso o presidente “con tal de tratar de salvarse”, agora que o propio PP “está a deixalo caer”. Tamén resaltan que, tras destapar esta burda mentira, estudan a posibilidade de ampliar a denuncia presentada nos xulgados de Ourense a pasada semana, xa que se “albisca” un suposto delito de falsidade documental.

Baltar asegurara no anterior pleno extraordinario, amparándose nun suposto informe do responsable do parque móbil, que fora “imposible” determinar quen ocupaba ese coche oficial aquel día de 2021, a pesar de estar el no vehículo.

En concreto trátase da sanción imposta na N-120, nas proximidades de Monforte de Lemos, cando o turismo foi fotografado por un radar circulando a 157 qm/h nunha vía cuxa máxima velocidade é de 90. A Dirección Xeral de Tráfico solicitou a identificación do condutor á Deputación, mais o goberno do PP non atendeu eses requirimentos, polo que a infracción pasou de 500 a 1.500 euros.

O Volkswagen Passat que conduce Baltar acumula, polo menos, dez multas por exceso de velocidade, sendo a máis grave das coñecidas ata o de agora, a imposta por circular a 215 qm/h na autovía A-52 na provincia de Zamora, o que supuxo a comisión, por parte do presidente, dun delito pendente de xuízo.

“Trama familiar” para “esquilmar” á provincia
O voceiro do PSOE, Rafa Villarino, denunciou hoxe a existencia dunha “gran trama familiar” dos Baltar, co único fin de “esquilmar” a provincia, mediante “prácticas corruptas, caciquís e mafiosas desde a Deputación”. Foi durante un pleno extraordinario celebrado na Deputación a instancias dos e das socialistas, logo da difusión de audios de Whatsapp por un diario dixital, nos que José Luis Baltar Blanco relata mordidas, comisións ou prácticas de financiamento ilegal que salpican ao actual presidente, sesión na que tamén evidenciaron a nova mentira de José Manuel Baltar coas súa temerarias prácticas nos coches oficiais.

Na proposta de resolución instaban ao presidente ourensá a explicar a “inxente cantidade de prácticas ilegais detalladas por José Luis Baltar nas que participa e das que se benefician directamente el, os seus familiares, alcaldes e alcaldesas do Partido Popular, así como empresas”. Ante os graves feitos relatados, tamén lle esixían que “deixe o cargo de inmediato e que se desculpe públicamente ante a cidadanía”, pero o presidente non dixo nada hoxe.

Igualmente, na sesión extraordinaria reclamaban aos implicados e implicadas na suposta trama, incluído o presidente, que “cesen inmediatamente na comisión de actividades presuntamente delictivas”, así como a presentar a súa “dimisión” e “desculpas públicas”.

Villarino sinalou que “o importante é clarexar a verdade” antes de reproducir algúns dos audios do José Luis Baltar relatando “con todo luxo de detalle” a trama corrupta, da que explicou o “esquema” cun exemplo dunha empresa unipersoal de automóbiles de orixe portugués, á que lle encargaron a dedo a pavimentación dunha rúa. “Dirán vostedes que isto é un invento, pero non é un invento do PSOE, porque fala o irmán de Baltar”, destacou o deputado.

“O presidente non clarexou se esta persoa é o seu irmán”, denunciou Villarino quen tamén negou que sexan “chuminadas” as irregularidades explicadas por José Luis Baltar, tal e como as definiu o portavoz do grupo provincial do PP.

Villarino tamén recordou que, tras varias denuncias do PSOE, informes técnicos do Consello de Contas xa confirmaron a existencia dunha rede de intereses espúreos baseada, entre outras irregularidades, nos contratos masivos a dedo e nas desmesuradas subvencións nominativas aprobadas por Baltar. “Xa é hora de que Ourense recupere o pulo, o brillo e a credibilidade que nos está a roubar esta saga familiar, manchando a honorabilidade e a historia da institución e da provincia”, insistiu.

Gastos persoais pagados con fondos públicos
O voceiro tamén fixo referencia aos “vergoñentos” gastos de presidencia que hoxe difunde o mesmo medio de comunicación, pagados con fondos públicos da Deputación: “pagar con cartos desta casa polos de Coren, centos de flores, paparotas familiares ou unha aplicación de internet o que amosa, unha vez máis, é que este señor confunde a institución coa súa casa”.

“Pido aos compañeiros e compañeiras do Partido Popular de Ourense que reflexionen se, coa súa actitude, realmente están clarexando todas as dúbidas legais ou se están aplicando unha cortina de fume”, afirmou o líder socialista ante a existencia de inxentes cantidades de comidas de ata 400 euros, regalos do propio Baltar ou compras de supermercado sufragadas con anticipos de caixa fixa.