PSdeG: “O PP rexeita reactivar o pequeno comercio”

Votou en contra dunha proposición non de lei dos socialistas
A voceira de Comercio do Grupo Socialista Leticia Gallego.

Santiago de Compostela/PSdeG | O PP vén de rexeitar a proposta socialista para reactivar o pequeno comercio cun plan de reapertura de negocios que tiveron que pechar por mor da pandemia e máis orzamentos para este sector. Ocorreu, hoxe, na Comisión de Comercio do Parlamento, onde o Partido Popular votou en contra dunha proposición non de lei do PSdeG neste sentido.

“O sector do comercio está na UCI”, alertou a voceira de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, tras asegurar que, nesta recuperación económica, “están quedando polo camiño moitos pequenos comercios” por culpa da “falla de acción, compromiso e medidas para a reactivación económica” fronte á crise por parte da Xunta, que se materializa en 672 pequenos comercios pechados no que vai de ano.

Malia esta circunstancia, incidiu a socialista, a Xunta baixou en 5 millóns de euros a partida de ordenación, regulación e promoción do comercio interior en Galicia nos orzamentos de 2022 cando nos atopamos “en plena crise económica”, o que é “incrible” e “demostra que o comercio non é un sector estratéxico” para o goberno galego.

“É necesario actuar con contundencia e firmeza”, sentenciou a socialista cando ademais “o sector do comercio non foi prioritario para a Xunta nin antes nin despois da crise da covid”, o que queda patente na “nula planificación ás subvencións ás asociacións e federacións de comerciantes” e nunhas axudas “totalmente insuficientes” para reducir ao máximo o impacto da covid que ademais “chegaron tarde”.

A Xunta “non executou” 140 millóns dos Fondos COVID
Neste sentido, a voceira socialista denunciou a “mala xestión e pésima planificación” por parte do goberno galego das subvencións. “Foi unha vergoña o que pasou”, lamentou, xa que a Xunta terá que reintegrar 140 millóns dos fondos covid correspondentes ao terceiro rescate de emprego, “mentres que noutras comunidades se repartiron ao 100% as axudas”.

“Como pode ser que nunhas comunidades executaran todos os fondos e noutras, como en Galicia, non se executen, sendo os mesmos requisitos para todas?”, preguntouse Gallego.

Por todo isto, a voceira socialista urxiu ao goberno autonómico que saquen, no mes de xaneiro, as subvencións de 2022 co obxectivo de que “non volva a pasar o escándalo deste ano” e dada a “enorme crise” que está a vivir o pequeno comercio.

“Bono Activa Comercio”
Ademais, Gallego censurou que “a gran medida” do goberno da Xunta para o comercio fose o ‘Bono Activa Comercio’ cando “non está tendo todo o éxito que se cría, tal e como aseguran as asociacións de comerciantes”.

Ao fío disto, a responsable socialista fixo un “chamamento urxente ao gran problema do despoboamento na nosa terra que acelera o peche dos pequenos negocios tamén no rural”, xa que “non hai poboación, non hai comercio e non hai emprego”.

Por último, Gallego pediu á Xunta que reverta a súa “despreocupación total” polos comerciantes e active medidas económicas “cun maior orzamento para que este sector poida salvar a súa liquidez” e dea unha “resposta axeitada” ás necesidades do sector.