PSdeG de Condado-Paradanta esixe á Xunta de Galicia mellorar a “degradada situación” da sanidade comarcal

Piden acelerar a construción dun novo Centro de Saúde

Ponteareas/PSdeG-PSOE | A Coordinadora Comarcal Socialista da Comarca Condado-Paradanta, dirixida polo socialista ponteareán Delfín Domínguez, queren manifestar a súa preocupación pola situación da sanidade na nosa comarca, e reclaman que o SERGAS e a Consellería de Sanidade tomen as medidas necesarias para rematar coa deficiente situación actual, que pon en risco a saúde e incluso a vida de moitos dos veciños dos concellos da nosa comarca.

Existen de forma endémica prazas de médicos sen cubrir de forma prolongada que provoca a sobrecarga dos outros médicos co conseguinte aumento de lista de espera que chega a ser de ata dúas semanas para a atención primaria. Implica un deterioro no seguimento de enfermos crónicos ( diabetes, Hipertensión, Cardiopatías etc), e retrasos en diagnósticos que poñen en risco a saúde dos cidadáns.

Son xa moitos os veciños que xa non teñen un médico de referencia polo que cada vez que van ao seu centro de saúde son atendidos por un profesional diferente, habitualmente estresado, que non coñece ó paciente, facendo moi difícil o seguimento das súas patoloxías.

Estas situacións producen nos cidadáns unha sensación de desatención, sendo especialmente dramático nas persoas maiores que se senten horfas e desatendidas ao non poder contar co seu médico de confianza, agravando a súa situación por este sufrimento psicolóxico e esta tensión á que os está a someter a actual deficiencia por incompetencia da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O Centro de Saúde de Ponteareas é o centro de referencia para a atención continuada dos cidadáns dos concellos de Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e Covelo. En moitas ocasións as urxencias están colapsadas por falta de persoal médico ou ausencia do mesmo no caso de ter que saír os dous médicos á atención fora do PAC.

Dende o PSdeG-PSOE da Comarca Condado-Paradanta esiximos ao SERGAS e á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que poñan fin a esta degradada situación da sanidade na nosa comarca. É necesario que urxentemente o Concello de Ponteareas ceda os terreos para o novo Centro de Saúde e que a Consellería acelere coa construción deste novo centro , que vai permitir acoller novos servicios absolutamente necesarios para atender as necesidades dos veciños e veciñas da comarca do Condado.