PSdeG celebra que o Goberno central cumpra os compromisos con Ourense e Galicia para a alta velocidad en 2021

O custe da alta velocidade entre Zamora e Taboadela será duns 4.082 millóns
Liña ferroviaria na Gudiña (Ourense).

Ourense/PSdeG | O PSdeG-PSOE “aplaude e celebra” que o Goberno de Pedro Sánchez “cumpra minuciosamente os compromisos adquiridos con Ourense e Galicia”, o que permitirá a posta en servizo da liña de alta velocidade ferroviaria a Castela e León e Madrid antes de que remate este 2021.

As probas que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e a operadora Renfe realizan desde hai meses, xa se atopan na súa última fase e están sendo “plenamente satisfactorias”.

“Só grazas ao decidido pulo deste Goberno central de progreso que, desde que chegou á Moncloa no 2018, puxo o seu foco inversor e técnico nesta obra, será posible ver novos servizos comerciais AVE a Ourense este ano”, sinalan os socialistas antes de recordar que “o PSOE tivo que destapiar os túneles da alta velocidade a Galicia que o Goberno do PP de Rajoy tapiou con bloques de formigón durante anos”. “As simulacións comerciais están a piques de comezar para que todo estea listo en poucas semanas”, aseveran.

4.082 millóns e máis obras a partir de 2022
O custe estimado da liña de alta velocidade (LAV) entre Zamora e Taboadela será duns 4.082 millóns, o que suporá un investimento de 18,5 millóns por quilómetro, un “fito técnico moi relevante” nunha infraestrutura tan complexa. “Este é un dos tramos ferroviarios máis complicados de Europa, ao ser túneles e viadutos a meirande parte do seu trazado”, recordan.

Os importes xa investidos e a estimación dos pendentes de executar, por conceptos, son: expropiacións (39 millóns); obra de plataforma (2.816 millóns); proxectos e asistencias (157 millóns); outras actuacións en infraestrutura (247 millóns); montaxe de vía e subministros asociados (325 millóns); liña aérea de contacto e sistemas de enerxía (120 millóns); sinalización, control de tráfico e telecomunicacións (217 millóns); novas estacións (10 millóns) e outros gastos como man de obra propia, 1 % cultural, premantemento ou gastos financeiros suman 147 millóns máis.

Nestes importes non se inclúen as obras do tramo Taboadela-Ourense, que o Goberno central vén de comezar a licitar o pasado mes de xullo tralo “ostracismo e vergoñento cuestionamento” ao que foi sometido tamén polo Partido Popular durante “longos anos de desfeita para a nosa terra”.

Trala posta a servizo da liña ferroviaria ata Taboadela e trala nova oferta comercial inicial, que estará conformada por servizos AVE ata Ourense e Alvia ata o resto de cidades de Galicia mentres non estean dispoñibles os novos trens do modelo Avril, o Goberno central continuará a executar os trámites e obras que restan para que a infraestrutura estea realmente completa. “É fundamental rematar estes flocos para que a LAV a Galicia sexa plenamente operativa e funcional”, destacan desde o PSdeG-PSOE ourensán.

Por iso, o executivo de Pedro Sánchez xa traballa na licitación e execución completa da ‘variante exterior’ de Ourense; na reforma do vello túnel de Padornelo ou na duplicación da vía nalgúns tramos da provincia de Zamora, instalando así dobre vía en todo o percorrido entre Madrid e Galicia.  Igualmente está previsto executar un novo tramo dun quilómetro, á saída da estación Ourense-Empalme en dirección a Santiago e Vigo, que quedara sen construír durante as obras da LAV entre Ourense e a capital galega.