“O problema non é o número de autores e autoras, está na demanda”

Antón Pedreira | Libraría Pedreira

A libraría Pedreira leva trinta e cinco anos aberta, ofrecendo as últimas novidades en literatura galega, portuguesa e en castelán. Tres décadas e media dan moito para contar, mesmo despois que as transformacións dixitais rompesen coa monotonía ou coa tranquilidade editorial, segundo como se queira ver. Antón Pedreira e as persoas que o acompañaron durante todo este tempo, leva detrás de si unha experiencia acumulada que lle permite falar con certa autoridade do ir e vir no mundo das librarías.

Tres décadas e media, algo máis, como se consegue sobrevivir tanto tempo?

Imos para trinta e seis anos xa, e sobrevivimos porque por sorte, hai un público que gosta da lectura e ten un grande interese en saber. Iso é fundamental. Houbo tempos non tan bos, como despois do 2009, cando o da crise, pero penso que o libro segue alimentando as conciencias e é fundamental.

Falando da crise, houbo algún estilo ou xénero que resistise mellor que outros nesta recesión económica?

En conxunto resistiron ben todas. Pero a que tivo máis pulo neses momentos foi a literatura infantil e xuvenil. Foi mesmo cando o libro ilustrado deu o seu grande salto para poñerse a grande altura en todo o mundo. No caso galego tamén, con editoras como Kalandraka. Houbo tamén un aumento na venda de guías de viaxes e mesmo a literatura sobre a mesma temática. Ao mellor tivo que ver o que moita xente non puidese viaxar e preferise ler literatura sobre viaxes. Pero tamén a literatura negra, pois está moi vinculada á literatura de viaxes, tivo un aumento de público moi notable.

Trinta e seis anos dan para moitos cambios.

No que é a libraría, pois todo foi en positivo, porque comezamos con este mesmo local. Co tempo fómolo ampliando para aproveitar máis o espazo e xa no ano 2007, demos o cambio actual. Aínda que xa os viñamos facendo, aumentamos o número de actos como recitais, presentacións, sinaturas de libros e todo isto foi o que transformou esta libraría nun, para min, centro cultural. Porque penso que as librarías teñen que ser sobre todo iso, espazos culturais e máis unha libraría de barrio como é a nosa.

E dentro de todos eses actos haberá algún que lle quedase máis gravado na memoria.

Todos son gratificantes, con autores e autoras, músicos moi agradables. Pero home, un dos que máis lembro é a Neira Vilas, quen consideraba a nosa libraría como a súa casa, quen facía as súas primeiras presentacións na nosa libraría. Pero tamén recordo pola proxección que tén hoxe, o primeiro concerto que fixo en Compostela, Ses, aquí na nosa libraría. Contactara con ela nunha feira do libro e veu ata aquí co seu compañeiro guitarrista e para nós foi algo marabilloso. Tamén pasaron Xavier Díaz, Uxía Senlle e moitos autores e autoras.

E como se porta a adolescencia, a xente máis nova, co libro galego?

Hai de todo, pero non como debera ser. O galego perde terreo, é algo que se ve. Hai unha adolescencia que merca libro en galego, pero hai outra que merca no instituto e daquela, pois vano lendo, pero a situación é bastante mala nese sentido. No público que vai de 35 anos para arriba, pois si que se segue vendendo, o mesmo sucede coas traducións que saen en galego ao mesmo tempo que sae a de español. Pero hai unha área da literatura en galego que si me resulta grato falar dela, que é a poesía. Tén un amplo recebemento, está habendo un grande número de creadores e creadoras en poesía. É un xénero que a min me agrada moito, tanto como a parte menos actractiva para o público como é o teatro. En teatro hai autores que aínda se atreven a escribir teatro pero non é un dos xéneros máis estendidos.

O fomento da lectura sería o remedio?

Habería que fomentar a lectura en galego entre toda a xente. Pero xa digo, que o libro ilustrado en galego comeza a venderse moi ben para o público infantil. E para nós é un indicador que se a esas idades comecen a ler e traballar en galego, continúen máis adiante. Moitos quedan polo camiño e o fomento da lectura é fundamental. Aí son as institucións as que teñen que dar o Do de peito, porque sinceramente creo que non se fai o que se tén que facer. O problema non é o número de autores e autoras, está na demanda, que aí andamos un pouco febles.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.