Presentación do libro de relatos curtos “La bebida de las avispas”, de María Jesús Domínguez Sío

Madrid | A filóloga e catedrática pontevedresa María Jesús Domínguez Sío presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a súa obra “La bebida de las avispas”, unha colección de relatos breves publicada pola editorial La Isla de Siltolá.

Acompañaron á autora na presentación o poeta e sociólogo Octavio Uña e o catedrático de Filosofía Antonio Ferraz, así como o coordinador de actividades culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou que o libro é froito do espírito investigador que distingue a autora, que aproveitando unha longa estanza en Marrocos “trasladou ao papel as súas observacións e vivencias nese país de filosofía islámica en forma de relatos breves, viñetas escénicas nas que nos achega coa garantía da súa prosa a un mundo tan próximo e á vez tan afastado culturalmente”.

“Está escrito dende a experiencia da estanza da autora, pontevedresa, en Marrocos”

Ferraz observou como Marta, “alter ego” da autora, protagonista da obra, compara o norte de Marrocos con Galicia, norte de España, nas súas vivencias como profesora en Tetuán e destaca elementos positivos que encontrou no país veciño como a creatividade e o mundo dos afectos. “María Jesús é autora con vontade de estilo”, mantivo, destacando entre as súas características “a difícil sinxeleza, moi elaborada”, a economía do relato e a riqueza de vocabulario.

Uña, apreciou na obra “luces do tempo e a memoria”, que Domínguez Sío escribe nela de cousas que encontrou no seu itinerario, “sobre a poesía e o ámbito interior desas xentes”, da pervivencia da conduta máxica, a amizade e a Pascua musulmá e que describe personaxes, carácteres de tempero psicolóxico. De cousas, dixo, que tamén nos serve “para entender a nosa alma e o noso tempero”.

Domínguez Sío corroborou que “La bebida de las avispas” é un libro escrito dende o seu experienca de seis anos de estanza en Marrocos e que os textos se foron formando ao fío dos estímulos que certos aspectos da realidade lle ían provocando. Así, adopta o papel dunha narradora contemplativa, que unifica e estrutura o conxunto ao ser protagonista común das narracións.

Cada relato expresa, dende un punto de vista subxectivo, un perfil da sociedade marroquí. Explicou que adoita partirse dunha anécdota cotiá que se eleva a categoría cultural ao situarse nun contexto diferente. “Ofrécese a información dende a óptica literaria -voluntariamente afastada de calquera guía turística- en pinceladas impresionistas ou expresionistas que van compoñendo o retrato dunha sociedade en equilibrio inestable entre tradición e modernidade, oriente e occidente, xeografía e historia. Cremos que o máis interesante para un lector español é asistir á fusión intercultural dun país tan próximo no espazo como afastado na súa cultura”, expuxo.

María Jesús Domínguez Sío (Porriño, Pontevedra) é licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense e catedrática de Lingua e Literatura en institutos de Madrid e o estranxeiro.