Presentado o proxecto “Bela Galicia” en Ourense

Iniciativa destinada a conectar aos galegos emigrados con Galicia

Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación de “Bela Galicia”, un proxecto realizado pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus) xunto coa plataforma de aprendizaxe e entretemento Canal Sénior, e cuxo obxectivo é exportar a cultura galega ao exterior. Este proxecto conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou na presentación do proxecto acompañado polo presidente de Fegaus, Alejandro Otero, e o presidente da Asociación de Estudantes “Aulas de Formación Abertas” – Campus de Ourense, Celso Pumar.

Rosendo Fernández destaca que este proxecto “venlle como anel ao dedo a Ourense, posto que case ten os mesmos ourensáns fóra que na provincia”. Ademais, o vicepresidente primeiro incide en que “é moi loable o traballo que se está a facer con este proxecto que busca manter e potenciar o fío condutor entre Galicia e os galegos no exterior”.

Pola súa banda, Alejandro Otero e Celso Pumar resaltaron que “é un proxecto moi importante para os ourensáns polo alto grao de emigración na provincia”, e que “as TIC son a ferramenta para que Galicia chegue a toda a humanidade”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, interveu en vídeo para gabar o proxecto e aos estudantes participantes. Despois da presentación, realizouse unha sesión formativa presencial e en liña titulada “Preparativos de regreso: Guía de retorno”.

Proxecto para divulgar a cultura galega
Bela Galicia” é unha iniciativa destinada a conectar aos galegos emigrados con Galicia, mediante a realización de actividades formativas e lúdicas centradas na divulgación da nosa cultura. Esta formación centrarase en áreas como o Camiño de Santiago, a historia, a cultura, a lingua galega, a gastronomía, a música e demais elementos da nosa tradición.

Unha parte importante das actividades irán destinadas á aprendizaxe sobre as TIC entre os maiores. Esta plataforma tamén busca informar aos galegos no exterior sobre a posibilidade do seu retorno e ofrecerlles apoio psicolóxico. Todo isto conectando coa rede de centros galegos, comunidades culturais e demais institucións relacionadas con Galicia.

A formación proporcionada por “Bela Galicia” contará con máis de 40 actividades gratuítas emitidas a través de sesións online, dispoñibles tamén en diferido para que poidan recibilas os galegos de calquera parte do mundo.