Presentación do número oito da Revista “Nós, a Xente do Redor” en Castrelo do Miño

Haberá visita ao Museo do Viño e á igrexa de Santa María

Ourense | No Concello de Castrelo de Miño o domingo 30 de outubro presentarase o número 8 da revista Nós, a Xente do Redor. Desta vez a portada é obra do pintor Miguel Ángel Martínez Coello, “unha homenaxe ao traballo colectivo, que representa tanto esta revista coma as xentes traballadoras do Ribeiro, que loitan a reo para sacar adiante os mellores viños”, sostén o pintor.

Os actos celebraranse na Casa Consistorial coa presencia do alcalde, Avelino Pazos, e o presidente da C.R.D.O. Ribeiro Juan Manuel Casares Gándara, o director do Museo Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar, así como representantes da Ruta do Viño do Ribeiro e da Deputación de Ourense.

Os organizadores, Orixe Publicidade e Comunicación e o colectivo Nós, a Xente do Redor, poñen a disposición do público un autobús que sairá dende a sede de Orixe as 11 horas. Nesta ocasión medio cento de colaboradores, autores e amigos do colectivo Nós a Xente do Redor, compartirán xornada coas xentes deste fermoso concello e con outros persoeiros chegados de distintos puntos de Galicia.

Ao remate haberá un xantar de confraternidade, na Parrillada Rincón, e para rematar visita a Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño e ó Museo do Viño de Galicia.