Presentación do libro “Só os mortos saben a verdade” de Óscar M. Guzmán

Nova novela do escritor ourensán que despunta entre as novidades literarias do verán

Non é moito tempo para facer valoracións concretas, pero aínda así cóntanos cales son as túas primeiras impresións sobre a saída ao mercado da túa última novela.
As sensacións son moi positivas, malia que xullo e agosto non é a mellor época para publicar unha novela estou moi satisfeito coa acollida das lectoras e lectores, que ao fin e ao cabo son os que van marcar o devir da obra.

Apenas hai uns días que fixeches a presentación oficial do libro. Que tal foi a experiencia e que outros actos tes programados?
Efectivamente, aínda que en realidade a novela debutou na Feira do Libro de Vigo, a presentación oficial foi en Espazo Nobel de Ourense na compañía da miña filla Alba e o director de Xerais, Fran Alonso, rodeado de grandes amigos e familia. Coido que a presentación dun libro marca o momento no que está a túa escrita, e ver unha libraría chea un xoves de xullo as sete e media da tarde en Ourense é moi indicativo de que a miña, por sorte, goza de boa saúde. Estamos en verán, por riba infernal, e os actos redúcense case que en exclusiva ás feiras literarias, aínda así o meu protagonista principal, Secundino Santalices, pisou Vigo, Miño, A Coruña e agora tócalle Monforte de Lemos.

Aproveitemos entón, quen é Secundino Santalices?
Secundino é un taxista xubilado de 81 anos que vive nunha residencia da terceira idade, precisamente en Vilamarín. A súa vida rutineira resúmese en percorrer cada día un quilómetro, axudado polo seu andador, ata o bar, ler a prensa mentres toma un licor e lembrar o pasado. Mais esa cotiandade vese interrompida por dúas situacións anómalas. A primeira, o reencontro 55 anos despois co seu mellor amigo, Elixio Figueiras, que non tarda en morrer atropelado. A segunda, a chegada dun detective privado de seguros, Alfredo Torres, para investigar a morte de Elixio.

Non nos deixes así, un pouco máis…
Si, algo máis podo contar. Secundino e Alfredo, camiñan xuntos e con lentitude o quilómetro de regreso dende o bar ata a residencia. No traxecto establécese unha conexión entre eles, contan as súas vidas e calan os seus segredos, os que cada un levarán á sepultura. Porque diso vai esta historia, do que cada persoa agocha na profundidade do seu ser.

Falamos, segundo falas, dunha novela de intriga?
Non, eu diría que Só os mortos saben a verdade é unha historia vital onde habita a reflexión sobre a moral e o tempo. Dalgún xeito eu transformei todo iso nunha novela de suspense que a diferenza das anteriores, máis do estilo Agatha Christie, eu enmarcaría agora, perdoádeme o atrevemento, preto do Hitchcock.

Non falamos ata agora do premio que recibiches por esta obra, o Manuel Lueiro Rey do concello do Grove, e vai tocando.
Estou coma un rapaz con zapatos novos. Por un lado supón unha alegría inmensa poder gañar un certame co prestixio de trinta e dúas edicións e, por outro, a posibilidade de publicar con Xerais. Nin unha nin outra son moi doadas hoxe en día dada a gran cantidade e calidade de obras que se presentan, tanto aos certames literarios como as que se poñen derriba das mesas das editoriais.

Dinos o motivo polo que recomendarías a lectura da túa novela.
Creo que pode ser un lectura entretida, pero sobre todo unha historia que deixe determinadas reflexións interesantes de canto de difícil é coñecer as persoas coas que tratas no teu día a día. O que si quero, antes de dicir ata á próxima, é dar as grazas a todas as persoas que me acompañan, que me levan no seu bolso ou, simplemente, me animan a seguir escribindo.

Na foto a presentación na novela en Espazo Nobel de Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.