Presentación do libro “Historias en pedra, Tui e as súas parroquias”

Da artista tudense Rosa Mª Vila este venres 3 de febreiro no Edificio Francisco Sánchez

Tui | Este venres. 3 de febreiro, ás 19 h o Edificio Francisco Sánchez acollerá a presentación do libro ‘Historias en pedra, Tui e as súas parroquias’ da artista tudense Rosa María Vila.

Rosa Mª Vila recolle nas páxinas do libro máis de 20 debuxos realizados coas técnicas de plumiña, dos seus inicios, e da acuarela. Tras 25 anos de traballo, a idea de plasmar nunha publicación rúas, paisaxes e igrexas de Tui e das parroquias, xurdiu en plena pandemia.

Os debuxos están acompañados neste libro por textos nun ton poético, escritos pola propia artista, do que para ela é Tui e o que significa. Ademais, recupera tamén composicións de escritores e pensadores como Manuel Rivas, Unamuno ou Bispo Lago.

Rosa Mª Vila conta cunha longa traxectoria artística dende a súa primeira exposición pictórica na cidade no ano 1998, á que teñen seguido numerosas mostras tanto en Tui coma noutros concellos galegos e portugueses.

O pasado mes de setembro presentou amais, na Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez, a mostra “Abrimos portas?”, na que recolleu 25 portas emblemáticas das cidades de Tui e Valença.

Agora neste libro, que será presentado o venres, recolle unha pequena parte da súa escolma pictórica sobre a súa cidade que o público poderá gozar dende as páxinas desta publicación que está xa á venda nas librarías tudenses.