Presentación do libro “A Paradela dos Máis Novos”

No CEIP San Miguel de Paradela

Lugo | No CEIP San Miguel de Paradela vén de presentarse o libro “A Paradela dos máis novos”, publicado polo Concello de Paradela con motivo do seu bicentenario como Institución, coa colaboración da Xunta de Galicia.

O libro, creación do Colectivo Egeria, ten un total de 64 autores -os máis novos paradelenses- do CEIP de Paradela e dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, de Sarria. Son 44 alumnos de infantil e primaria e 20 de ESO e BAC, dos Institutos Xograr Afonso (6) e Gregorio Fernández (14). Coordinaron os traballos dos alumnos, polo CEIP San Miguel, Tania Taboada, Ligia López, Rocío Castro, Alejandro Ferreiro, Sonia López e Adela López (directora); polo Instituto Xograr Afonso as profesoras Remedios Sánchez e Lola Chaos; e polo Instituto Gregorio Fernández, o profesor Eduardo Rey.

En 120 páxinas, os paradelenses máis novos reflicten a Paradela na que viven en narracións e debuxos que conforman un calidoscopio dun concello (“Senda infinita”) de camiños, árbores e augas, fito do Camiño Francés a Compostela. Falan os rapaces do que ten Paradela e do que lle falta, da diminución da poboación, das festas e dos xogos, dos animais e da natureza, da súa terra e das súas familias.

Danlle especial carácter ao libro os debuxos de Fani Padullés, artista catalana afincada en Paradela, autora así mesmo das pinturas que iluminan a Biblioteca do CEIP San Miguel.

Participaron na presentación o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a directora do CEIP San Miguel, Adela López; a profesora Lola Chaos, a artista Fani Padullés e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Os alumnos recibiron cadanseu exemplar do libro, e compuxeron ao final no exterior do Colexio unha foto dos autores cos participantes na presentación. Máis información: https://colectivoegeria.org/portfolio/paradela-dos-m%C3%A1is-novos