Presentación de “Pasos na Azotea” no Liceo de Ourense

Novela negra, romántica e paseo gastronómico

Ourense | Armando González, recoñecido médico, escritor e poeta compartiu con entusiasmo a súa máis recente novela, “Pasos na Azotea”. Asistiron ao acto Javier Casares Mouriño, presidente do Liceo, o director da editorial Andrómena Senlleira Avelino Jácome, e a talentosa artista María do Ceo que deleitou aos asistentes interpretando tres temas musicais que aparecen na novela, As letras foron escritas por Armando, acompañadas de música composta pola cantante e compositora galaico-portuguesa.

Javier Casares compartiu a súa emoción ante o nacemento desta nova obra literaria, destacando o especial que é que estea ambientada en Ourense e que parte da súa trama se desenvolva no propio Liceo. Por parte de Jácome, o editor, eloxiou a novela cualificándoa como unha obra mestra, facendo fincapé nos xiros, nas situacións e no apaixonante desenvolvemento da trama.

Esta novela desenvólvese nunha esfera que abarca desde a novela negra ata un paseo gastronómico e unha historia romántica, todo elo enmarcado nunha edición coidadosamente confeccionada, con papel de alta calidade e unha encadernación delicada.

O autor expresou o seu agradecemento pola nutrida asistencia, describindo o evento como unha reunión de amigos, e subliñando que escribir un libro é unha escusa marabillosa para tal encontro. Armando prometeu seguir escribindo para que todos poidan volver reunirse e gozar de futuras obras.

Describiu a súa novela como algo próximo á novela negra, con tonalidades que oscilan entre o verde e o gris marengo, salpicadas de tintes rosa. É unha novela deseñada para gozar no tempo de lecer, ainda que aqueles que o desexen poderán descubrir entre as súas liñas unha riqueza filosófica que invita á reflexión.

O evento contou coa presenza de diversos asistentes, entre eles compañeiros do escritor pertencentes ao Movimento Cultural, Nós, a xente do Redor, así como numerosos artistas e autoridades que non quixeron perder a oportunidade de adquirir un exemplar da novela e mostrar o seu apoio ao autor.