“Presas e Mestras”, memoria histórica en Celanova

Exposición sobre a represión das mulleres polo fascismo

Celanova | O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova inaugura este domingo 28 de xuño, ás 12.30 horas, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, a exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova, un proxecto que saca á luz os nomes e as historias de decenas de mulleres silenciadas pola historia durante case noventa anos.

A mostra, financiada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, permanecerá aberta no Auditorio Municipal de Celanova Ilduara (AMIC) até o 17 de xullo, de luns a sábado en horario de 10.30 a 13.30 horas, con entrada libre.

Un proxecto de recuperación da memoria feminina
“Presas e Mestras” é o resultado dun traballo de investigación e documentación coordinado pola historiadora Rosa Cid Galante, que asina a comisaría da exposición, e cunha coidada proposta gráfica da deseñadora Adriana Pérez. As fotografías son obra de Humberto Vergara, complementadas con material procedente de arquivos históricos e familiares.

A exposición aborda dous procesos de represión dirixidos contra as mulleres durante a guerra civil e o franquismo: a represión no cárcere e a depuración do maxisterio. Na comarca de Celanova, a prisión de partido converteuse moi cedo —xa en xullo de 1936— nunha cadea de mulleres. Foron vítimas do fascismo maioritariamente nais e esposas de detidos, paseados e fusilados. Sufriron humillacións e torturas e, polo menos dúas delas —María e Salud— foron paseadas a finais de 1937 tras moitos meses na cadea.

Historias que non poden seguir agochadas
Entre os centos de nomes recollidos na exposición destacan historias como as de María del Valle Lozano e Salud Torres Díaz, dúas veciñas da Lomba de Lamas fusiladas en abril de 1937. A exposición tamén recupera a historia das dez mulleres de Ribadavia, detidas en abril de 1937 a raíz dunha denuncia veciñal, e das sete de Quins (Melón), arrestadas en agosto do mesmo ano e sometidas a interrogatorios sobre os seus maridos, considerados desertores. Os seus fillos e as súas familias sufriron as consecuencias daquela represión durante décadas.

No eido do maxisterio, Presas e Mestras dá conta do proceso de depuración das mestras que o franquismo puxo en marcha para eliminar calquera influencia republicana ou progresista da escola galega. A través de expedientes, declaracións xuradas e informes das Comisións Depuradoras, a mostra segue os pasos de mestras como Amparo González Pereira, Ángeles Barbosa Rodríguez, Digna Portabales Fernández ou Dorinda Mesa Villar, mulleres comprometidas co ensino público e coa renovación pedagóxica que foron separadas do servizo, multadas e, nalgunhas ocasións, perseguidas ao exilio.

Un paso máis na recuperación da memoria das mulleres represaliadas
A inauguración de Presas e Mestras é un chanzo máis nun camiño que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova iniciou hai algo máis dun ano coa sinalización do edificio que albergou o cárcere de mulleres de Celanova durante a guerra e a primeira etapa da ditadura. En novembro de 2024, o Comité, en colaboración co Concello de Celanova, colocou nese edificio —os actuais xulgados— unha placa que o recoñece como Lugar de Memoria e que rende homenaxe ás mulleres que foron presas alí entre 1936 e 1938.

“A exposición xorde da necesidade de facer públicos os nomes de todas elas —ata hoxe agochados na historia— para empezar a contar os seus sufrimentos e as súas vidas, que son únicas, exemplares en moitos sentidos e de obrigado coñecemento para as seguintes xeracións de mulleres desta comarca e de todo o país”, sinala a organización.

O acto de inauguración pecha as III Xornadas de Memoria e Muller
O acto inaugural contará co amadriñamento da historiadora Aurora Marco, referente na investigación da memoria histórica en Galicia, e coa presenza institucional do Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e do Alcalde de Celanova, Antonio Puga. A inauguración pechará as III Xornadas de Memoria e Muller en Celanova, consolidando así a vila como espazo de referencia na recuperación da memoria das mulleres represaliadas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.