
Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas acolle nestes momentos a cinco estudantes que elixiron a administración local para realizar as prácticas obrigatorias dos diferentes ciclos que están a cursar. Nesta ocasión trátase de formación dos campos da administración, o márketing e o comercio, pero outros eidos como o benestar social e a igualdade ou o turismo levan tido presenza tamén neste tipo de prácticas en Salceda.
Os ciclos formativos inclúen nos seus itinerarios a realización de prácticas obrigatorias, que poden ir ata as 500 horas, e que o estudantado adoita realizar en diferentes empresas da súa contorna. Algúns destes mozos e mozas elixen facer estes traballos na administración, aproveitando deste xeito a oportunidade que se lles presenta para coñecer dende dentro o funcionamento dun Concello nas súas diferentes áreas, para o que se conta coa colaboración do persoal municipal que se encarga de titorizar ás e aos estudantes.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, trasmitíulles aos mozos e mozas que o Concello como administración pública máis próxima estará sempre á súa disposición para que poidan completar a súa formación. Ademais quixo agradecerlles o traballo que están a realizar pois “ao mesmo tempo que vos formades estades a colaborar nas tarefas do día a día co noso persoal, e estades a facelo dun xeito profesional e moi eficiente, polo que tedes todo o noso recoñecemento”.
Ao longo das vindeiras semanas serán varias as persoas que pasen polo Concello para realizar as súas prácticas formativas, para deste xeito completar os seus estudos e obter as súas respectivas titulacións.




