PP Tomiño esixe explicacións ao Concello ante o “grave atasco” nas licenzas urbanísticas

Pediu tamén datos dos expedientes segundo os estudos de arquitectura

Tomiño/PPdeG | O Partido Popular de Tomiño vai esixir ao goberno local que dea explicacións ante o “grave atasco e importantes retrasos” na concesión de licenzas urbanísticas no termo municipal e tamén vai pedir datos dos expedientes segundo os estudos de arquitectura co obxectivo de coñecer se se trata dun colapso xeral provocado pola “neglixente xestión” do executivo de Sandra González ou ben hai diferenzas “por cuestións anómalas”.

Os populares, que xa denunciaron publicamente a semana pasada que a concesión de bastantes licenzas podía adiarse durante catro anos co correspondente perxuízo para a veciñanza, explicitarán nos vindeiros días a acción de fiscalización que van emprender sobre o labor do goberno sobre o urbanismo.

Nestes intres están a barallar a posibilidade de plantexar unha solicitude de comparecencia da alcaldesa ante o pleno da corporación ou ben unha batería de preguntas plenarias sobre esta cuestión.

“Dende que nos chegaron as primeiras queixas veciñais polos importantísimos retrasos na xestión do Urbanismo local, o que xera importantes incomodidades aos cidadáns que queren construír ou rehabilitar unha vivenda, abrir un negocio ou ampliar unha empresa, a situación está a xerar un importante descontento social e as queixas multiplícanse, ademais, con acusacións por supostos casos de nepotismo”, sinalaron dende o PP, que deixaron claro que o seu obxectivo “ é unicamente mellorar a calidade de vida da xente e que o goberno local espabile e atenda as súas obrigas cos cidadáns nas competencias municipais, porque leva anos vivindo moi comodamente, cunha vagancia total derivada da maioría absoluta que motiva que se sintan por riba do ben e do mal”.

Por elo, e ante o incremento das queixas que están a recibir, os populares de Tomiño tamén queren coñecer se dende o Concello de Tomiño, tal e como nos sinalan algúns veciños, se está a recomendar aos veciños a xestión e contratación dos expedientes urbanísticos a determinados estudos profesionais de arquitectura alegando “un suposto coñecemento da normativa urbanística local que aceleraría os trámites”.

“Queremos chegar ao fondo da cuestión, tanto nos motivos do retraso no tratamento dos expedientes e a concesión de licenzas como nesa outra xestión que podería ser de maior gravidade con supostos amiguismos a prol de determinados estudos se é certo que os expedientes se tratan a distintas velocidades”.

“Pero en todo caso, o noso único ánimo é esclarecer esta situación, fiscalizar o labor do goberno como nos corresponde e que o servizo mellore en aras do benestar da xente e de que estea axeitadamente atendida polo seu concello”, manifestaron dende o PP.

A formación que dirixe Lara Meneses, que revelou que hai estudos de arquitectura que rexeitan traballar en proxectos urbanísticos de Tomiño polas trabas e os longos prazos existentes, lamentou o “despropósito” no que o goberno local ten sumido ao urbanismo de Tomiño, o que xera “desconfianza, perda de investimentos e merma da calidade de vida dos veciños”.