
Ourense | Os tres grupos da Oposición no Concello de Ourense abandonaron a sesión ordinaria do Pleno que se estaba a desenvolver este venres día 2 de outubro, logo de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome insultara reiteradamente aos integrantes dos Grupos da oposición. PP, PSdeG-PSOE e BNG manifestan conxuntamente o seu rexeitamento máis absoluto ás formas empregadas polo alcalde e ó xeito en que dirixe os Plenos, lembrando que son continuos os ataques e os insultos persoais desde o inicio de mandato pero os cales se teñen recrudecido nos últimos meses.

Mais as faltas de respecto, os insultos, as interrupcións e mesmo as ameazas, son unha constante ao resto de membros da Oposición, situación que os tres Grupos entenden, non pode seguir tolerándose. Por este motivo, nos vindeiros días, PP, PSdeG-PSOE e BNG estudarán a adopción doutro tipo de medidas ao entender que no día de hoxe sobrepasáronse todos os límites. Os tres Grupos sinalan que non poden seguir tolerando esta actitude por parte do alcalde, xa non soamente por dignidade política ou persoal das dezasete persoas que forman parte da Corporación municipal, senón polas centos de miles de persoas ás que representan.




